jueves. 03.12.2020 |
El tiempo
jueves. 03.12.2020
El tiempo

''A sensación que terá o público da orquestra folclórica será moito máis emocionante''

A Orquestra Fol Sondeseu en concerto
A Orquestra Fol Sondeseu en concerto

A Orquestra de Música Folk Sondeseu actúa hoxe as 22.30 horas na Praza de España en colaboración co grupo de danza Fiadeiro. O director da Fundación explica o proceso de traballo do conxunto, como afectou a crise a escea folk, e o gran ambiente dos concertos en Pontevedra.

¿Cómo comezou o grupo?

O grupo realmente é unha orquestra de música folk, Sondeseu. Isto comezou como froito da experiencia didáctica dentro da Escola de Música Tradicional de Folk do Concello de Vigo, alá polo ano 2001. Daquela non estaba instituído como escola de música tradicional, senón que era o Conservatorio de Música Tradicional da Escola de Artes e Oficios. Esa experiencia didáctica deu como resultado unha formación que xa daquela eran case 40 músicos que tocaban melodías tradicionais arranxadas polos mestres e polo director da orquestra. Este repertorio que toca Sondeseu é como unha revisión de temas tradicionais con un carácter máis urbano e con uns arranxos máis contemporáneos, e é unha forma de manter viva a nosa música. A orquestra leva facendo excelentes concertos en Galicia e fóra de Galicia dende o ano 2001. Por exemplo no CeltFest de Cork, en Irlanda, en 2005 e 2006; no Festival Etnohelmántica en Salamanca; no Hotel de Aosta en Italia; no Festival Intercéltico de Lorient en dúas ocasións, no 2006 e no 2009; en Orejo, Santander, no Teatro Circo Price de Madrid... Ben, por todos estes sitios.

¿Cales son as súas influencias?

É unha orquestra de música folk. A influencia está dada precisamente polos mestres que fan os arranxos. Principalmente Rodrigo Romaní, que dirixe a escola, e foi un dos membros fundadores do grupo de música folk e celta Milladoiro. Logo tamén están Anxo Pintos, que formaba parte de Berrogüeto e Matto Congrio; Xosé Liz, que forma parte do grupo Riobó e colabora co músico Anxo Lorenzo e a banda Entretrastes, e Xaquín Xesteira, que tamén forma parte do grupo Treixadura. Esa conxunción de mezclas de diferentes estilos cunha influencia de música tradicional é o que leva ao que hoxe en día é o son da orquestra folk de Galicia Sondeseu.

¿Cantas veces tocaron en Pontevedra?

En Pontevedra creo que esta vai ser, se mal non recordo, a terceira ou cuarta vez que estamos na cidade en ferias.

¿Que lles parece o ambiente nos concertos e a enerxía da audiencia pontevedresa?

Pontevedra é sempre unha praza que ten bo ambiente. A verdade é que nas outras experiencias que tivemos nos concertos grandes na Praza da Ferrería a reacción do público sempre foi moi positiva e moi calurosa. Concretamente agora facéndoos na Praza de España penso que o público representará moito máis. E a sensación que terá o público da orquestra folclórica será moito máis emocionante.

¿Cómo son os ensaios? Ó ser unha orquestra non é como unha banda que se poidan xuntar tres para practicar.

Non. Os ensaios teñen lugar durante todo o ano dentro da Escola de Música Tradicional Folk do Concello de Vigo, a ETRAD. A actividade da orquestra e os ensaios forman parte dunha asignatura da escola. Alí trabállase con 40 músicos. A orquestra divídese en seccións: as arpas, as gaitas, a percusión...Primeiro, os estudantes traballan por separado e fánse arranxos para cada unha de esas seccións, e logo hai unha posta en común baixo a supervisión do director, Rodrigo Romaní, que é o que artella o sonido final.

¿Cómo deciden que temas van tocar?

De momento o repertorio que estamos tocando é o repertorio que viña no último disco de Sondeseu, titulado 'Barlovento'. O groso do concerto será deste álbum. Ademáis, tamén haberá un catálogo xeral de pezas que levamos tempo tocando dos discos anteriores: 'Trastempo', publicado no ano 2007, e 'Mar de Vigo' publicado no ano 2006. O repertorio sempre vai depender do traballo discográfico que teñas. Agora estamos preparando un novo traballo que sairá a finais de ano.

¿Teñen nome para o novo disco?

Aínda non ten título. Está na fábrica.

Por último, ¿percibiron unha evolución na orquestra o longo destes anos?

Cando se comezou, por exemplo, o repertorio era moito máis sinxelo. Despois fomos avanzando na dificultade dos arranxos e incluso ampliando as seccións e os instrumentos. Orixinalmente tiñamos unha sección moi sinxela de madeira e agora ampliouse moito a percusión. Sempre se intenta ir más alá.

CRISE

¿Cómo ven o mundo do folk en España e en Europa?

Neste momento coa crise que nos abate somos dos sectores máis adoecidos. No noso caso, a Orquestra Folk Sondeseu está formada prácticamente por estudantes, o que nos permite seguir coa nosa actividade escénica. Con respecto ao plano xeral da música folk, tanto en España como no resto no mundo está pasando unha etapa moi fastidiada e todos os mecenas que podía haber, tanto a nivel europeo como a nivel local, xa non son mecenas. Xa non se subvenciona prácticamente nada na música.

Por outra banda, gracias a esa serie de subvencións que houbo durante tempo, o público non está acostumado a pagar por un concerto. Hoxe en día ese é o verdadeiro problema que hai para poder manter a cultura musical, aínda que en Europa, por exemplo, a xente si está acostumada a pagar entradas para os concertos de música. Pero isto é o que nos tocou. Intentamos cambialo pero é moi difícil. O subir o IVE ao 21% tanto nas entradas como en calquer outra cousa pois tamén perxudica moitísimo. Menos mal que hai concellos como o de Pontevedra que apostan pola música galega, pola música feita no noso país, e gracias a concellos coma este temos ahí unha bolsa de osíxeno para poder mostrar o noso traballo.

''A sensación que terá o público da orquestra folclórica será moito...
comentarios