Un septuaxenario falece en Fene tras un atropelo

Unha ambulancia medicalizada desprazouse á zona das Pías, aínda que nada puido facer pola súa vida

Un home de 73 anos de idade faleceu este martes en Fene, na Coruña, como consecuencia dun atropelo, segundo comunicou Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

O departamento público afirmou que recibiu unha alerta por este suceso ás 19.06 horas. Como resultado do accidente, persoal médico atendeu no punto ao home, que responde ás iniciais V. R. F.

Así, unha ambulancia medicalizada desprazouse á zona das Pías, no acceso ao centro urbano fenés.

Fontes policiais relataron a Efe que o falecido, que residía no barrio ferrolán de Caranza, intentou cruzar o viario, que serve de comunicación entre a localidade e a veciña cidade de Ferrol, para aproximarse ao seu vehículo, aparcado nesa mesma contorna.

Foi entón cando un turismo, conducido por unha muller que ofreceu resultado negativo en alcol e drogas, alcanzouno, sen que se puidese evitar o óbito.