Sete empresas biotech preséntanse en Lugo para tratar de captar tres millóns de euros

As compañías reuníronse no Cetal cunha ducia de potenciais investidores en busca de apoio económico para pór en marcha ou impulsar os seus proxectos
El VII Bio Investor Day se celebró en el Centro Tecnológico Agroalimentario de Lugo
photo_camera El VII Bio Investor Day se celebró en el Centro Tecnológico Agroalimentario de Lugo

Sete empresas biotecnolóxicas de Galicia presentaron este mércores os seus proxectos de negocio a unha ducia de potenciais investidores no Centro Tecnolóxico Agroalimentario de Lugo (Cetal) en busca de apoio económico para pór en marcha ou impulsar os seus proxectos. O financiamento solicitado polos promotores aos investidores oscila entre o millón e os 100.000 euros. As necesidades conxuntas das sete firmas alcanzan os 3.0500.000 euros.

A xornada, organizada polo Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida (Bioga) con apoio da Axencia Galega de Innovación (Gain), contou coa presenza de Carme Pampín, presidenta de Bioga; Patricia Argerey, directora de Gain, e Andrés Hermida, director xeneral do Cetal. Segundo datos do Clúster, o 30% dos proxectos que se presentan á Lonxa de Investidores Bio de Galicia obtén financiamento a curto prazo (ao redor de 12 meses) para impulsar e relanzar a súa iniciativa.

As compañías que presentaron o seu proxecto no VII Bio Investor Day foron as seguintes:

NeuroMeGen: ferramenta baseada na análise xenotípico e fenotípico para acelerar o diagnóstico dos trastornos neurometabólicos e desenvolvida no Hospital Clínico de Santiago de Compostela. Para afrontar o plan de futuro cifrou as súas necesidades en 400.000 euros. Con esta cantidade afianzaría o desenvolvemento comercial, o desenvolvemento de produtos e a captación de talento.

Plataforma Tecnolóxica de Vacinas Bacterianas, proxecto con sede na Coruña gañador do Premio Bioga 2016 á Mellor Idea Empresarial Bio e que desenvolve vacinas para facer fronte ás bacterias máis resistentes. "Evitamos unha perda de tempo no desenvolvemento de vacinas", explicaron. Cifrou as necesidades de financiamento nun millón de euros.

Pharmamodelling é unha compañía navarra con sede en Galicia que presta servizos de deseño, planificación e xestión de ensaios preclínicos e clínicos. Permite reducir o custo no desenvolvemento dun medicamento ata un 50%. A firma ten previsto unha ampliación de capital de 350.000 euros para afrontar o seu desenvolvemento comercial.

Md Use! é unha spin-off da Universidade de Santiago de Compostela dedicada á simulación computacional. O seu plan de desenvolvemento de produto executarase en dous anos coa optimización de software e desenvolvemento de novos produtos. O plan de acceso ao mercado está en execución. As necesidades de financiamento: 400.000 euros.

E-motional Training, proxecto nacido na USC baseado nun programa de rehabilitación online deseñado para pacientes con trastornos como esquizofrenia ou trastorno bipolar. Requiren a curto prazo 100.000 euros. 

Imagames é unha spin-off da USC que traballa na aplicación da gamificación para estimular o comportamento de clientes e empregados. A firma busca 250.000 euros polo 10% do capital social para acelerar as vendas (persoal e accións comerciais e captación de clientes).

Glecex é unha star-up de biotecnoloxía que traballa nos sectores alimentario e cosmético apoiándose na súa capacidade tecnolóxica e innovadora. Lanzará barritas enerxéticas con vitamina B12 especiais para veganos, un mel formulado con alto contido en vitaminas para nenos e unha gama de produtos deseñada para deportistas de alto rendemento. Os promotores cren que para alcanzar o mercado europeo nos próximos anos precisarán 550.000 euros. 

Comentarios