Non poderá achegarse aos mercadiños

Sinaí Giménez, libre pero lonxe dos mercadiños

O suposto xefe da trama de extorsión a vendedores ambulantes abandonou o cárcere un ano e catro meses despois tras abonar a fianza de 50.000 euros ► "Non poderán connosco!", aseverou

Sinaí Giménez, fillo do patriarca do clan dos Morones e presunto xefe dunha rede de extorsión a vendedores ambulantes, saíu este mércores de prisión un ano e catro meses despois de que estalase a operación Vida.

O autoproclamado príncipe dos xitanos galego logrou abonar a fianza imposta polo titular do xulgado número 3 de Cangas. En xaneiro, esta fixouse en 100.000 euros, cantidade que Sinaí Giménez non puido satisfacer, pero meses despois o xuíz rebaixouna a 50.000 euros. 

Desta forma, Giménez abandonou a prisión asturiana de Villabona. Ás súas portas foi recibido polos seus familiares. "Non puideron connosco! Nin poderán!", escóitaselle dicir ao fillo do patriarca do clan nun vídeo ao que tivo acceso este xornal.

Hai unhas semanas xa saíra do cárcere o seu irmán Juan Paulo. Desde entón, os únicos membros do clan que quedaban entre reixas eran o propio Sinaí e outro irmán seu, Saúl. 

Mentres tanto, a causa avanza nos xulgados de Cangas, onde este mes de agosto están a desfilar unha trintena de persoas relacionadas cos Morones a petición do fiscal.

Comentarios