Sindicatos da Sanidade Pública concéntranse en Vigo contra o peche de camas estival

Os sindicatos de traballadores da sanidade pública, CEMS-Omega, CSI-F, SAE, UXT, CIG e CC OO, realizaron esta mañá unha concentración e posterior manifestación en Vigo para demandar unha sanidade pública de calidade, universal e gratuíta e mostrar o seu rexeitamento ao peche de 1.200 camas en Galicia este verán.

A concentración, á que acudiron representantes políticos do BNG, tivo lugar ás portas do museo MARCO de Vigo, onde ao redor de 300 persoas corearon consignas contra o decreto de xestión e a conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, a que tacharon de ''privatizadora".

Os manifestantes escenificaron ademais, con tendas de campaña, camas inchables, urinarios portátiles e disfraces de pacientes, a situación que se producirá nos próximos meses nos hospitais galegos, recomendando aos viandantes que, para recibir atención médica, levasen a súa cama "desde casa".

O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, atribuíu este peche "histórico" de recursos médicos durante o verán " estratexia" do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, de acoso "e derriba" á sanidade pública. Vence augurou que este insulto "aos pacientes" provocará un "incremento das listas de espera", con 38.000 pacientes segundo os datos oficiais e 60.000 segundo os sindicatos, e "empeorará o servizo sanitario favorecendo a sanidade privada, o que incrementará o custo a cambio dun peor servizo".

Pola súa banda, o secretario da federación de Sanidade en Galicia de CC OO, Ángel Cameselle, denunciou que no canto de aproveitar "unha magnífica oportunidade para diminuír de forma drástica as listas de espera", óptese por pechar "como nunca se pecharon camas en cantidade e tamén os quirófanos", un "sensentido" levado a cabo pola Xunta de Galicia que "non trata de dar servizo senón de obter beneficio".

Cameselle criticou ademais que a reforma integral prevista para o Hospital Meixoeiro durante o verán estea actualmente aprazada, a pesar de que "nunha reunión co xerente aseguróusenos que este verán empezaban a remodelar" ao contar o hospital co "10% das camas pechadas no inverno".

Os manifestantes marcharon por cálea Príncipe, baixaron cara a Concepción Areal e asentáronse ante o Edificio Administrativo da Xunta en Vigo, onde finalizaron o seu percorrido.

Comentarios