Sofre queimaduras nunha man tras incendiarse a campá extractora dunha cociña en Moaña

PONTEVEDRA. Os servizos sanitarios de urxencia trasladaron na tarde deste luns a unha persoa con queimaduras nunha man sufridas ao incendiarse a campá extractora dunha cociña en Moaña.

O suceso, segundo información do CAE 112 Galicia, ocorreu cando faltaban uns vinte minutos para as 16,00 horas na Rúa Almirante Méndez Núñez.

Tras a alerta dun particular, o 112 pasou o aviso aos bombeiros do Morrazo que, logo de sufocar as chamas, aseguráronse de liberar o fume acumulado na vivenda.

Ademais dos efectivos do parque comarcal, participaron neste operativo Urxencias Médica e a Policía Local.

Comentarios