Suspenden a procura do músico desaparecido no río Miño en Portugal

O operativo continuará este martes con medios de superficie, terrestres e aéreos

O operativo que traballa nos labores de procura do músico galego desaparecido o sábado pola noite no río Miño logo de actuar nas festas de Lapela (Monao), en Portugal, composto por servizos de urxencias portugueses e galegos, concluíu por este luns sen ningún resultado.

Así o confirmaron fontes do dispositivo, que se deu por finalizado pasadas as 21.00 horas, coa retirada tanto das embarcacións como das patrullas que rastrexaron por terra desde as dúas beiras. Previamente, sobre as 20.00 horas, empezáronse a replegar os mergulladores, que durante este luns peitearon "moitas veces" as zonas nas que había indicios da presenza do músico, ao acharse alí algunhas das súas pertenzas. En concreto, na xornada do domingo atopouse a boquilla do seu trombón de varas, e posteriormente as chaves do seu coche e o propio instrumento.

Así mesmo, a última hora deuse orde á presa de Frieira, no municipio pontevedrés de Crecente, de que reabra -despois de que reducise "ao mínimo" o caudal para conseguir ter "condicións óptimas" no rastrexo-, co que se prevé que suba o nivel do río e aumenten as correntes, favorecendo, no seu caso, que puidese reflotar o corpo.

O dispositivo, que inicialmente se centrou na rampla de Lapela, desde media mañá deste luns ampliouse río abaixo, de acordo coas correntes e o caudal do río, así como ás marxes e pozos, por se puidese haberse atascado o corpo. Está previsto que este martes o operativo continúe con medios de superficie, terrestres e aéreos -un dron-.

MEDIOS MOBILIZADOS. A desaparición do home motivou que se activase o 'Ariem 112', un plan que permite a coordinación dos servizos de urxencias lindeiras coa fronteira entre Galicia e Portugal, segundo recorda o CAE 112 Galicia.

Na procura deste luns participaron efectivos da Comandancia Naval do Miño, da Garda Civil e do Grupo de Apoio Loxístico da Axencia Galega de Emerxencias (Axega) -cunha unidade operativa de drones-, Bombeiros de Ponteareas e Baixo Miño e voluntarios de Protección Civil de Ponteareas e Tomiño. Xunto a eles, colaboraron nos operativo mergulladores da Armada de Ferrol e do Grupo de Actividades Subacuáticas da Garda Civil (GEAS), segundo concretou a Comandancia Naval do Miño.

Comentarios