Todos a ritmo de jazz, funk e blues

Apenas eran as sete da tarde de onte cando os sons de trompeta, piano e batería, entre outros, empezábanse a escoitar desde as rúas lindeiras á Praza da Ferrería.

Uns metros máis adiante, a xente xa se empezaba a apiñarse fronte ao escenario montado no centro do lugar para non quedar sen sitio e de paso gozar dalgunhas das composicións improvisadas que ían soar a partir das 22.30 horas da man do trío formado por John Medeski, Chris Wood e Billi Martin, protagonistas da terceira xornada de concertos enmarcados na XIX edición do Festival Internacional de Jazz & Blues.

Aínda que non foron os únicos en subirse ao escenario, si que foron os primeiros en chegar para preparar e afinar os seus instrumentos e comprobar que todo estaba apunto antes da actuación. ''é a primeira vez que estou en Pontevedra, pero xa ouvira falar deste festival. O saxofonista Bill Evans estivera aquí con anterioridade e contoume a súa experiencia'', asegurou a batería Billy Martin, que antes de unirse aos seus compañeiros aproveitou para facer unhas declaracións.

Precisamente, ese músico que lle alertou da existencia desta cita musical na cidade do Lérez tamén foi un dos protagonistas da noite xunto ao trompetista Randy Bracker co que forma o grupo 'Soulbop'.

Pola súa banda, Billy Martin explicou que Wood, Medeski e el uníronse por primeira vez para este evento, pois cada un ten a súa carreira de forma independente. No entanto ''non descarto gravar un álbum con eles, porque o equilibrio e a armonia que conseguimos é perfecta'', confirmou sorrindo o músico, que asegurou estar moi contento de que conten con eles para ofrecer un concerto aquí.

Se se lle pregunta por feito que lle fixo unirse ao jazz a tempo completo, pois leva tocando desde fai 36 anos, a batería non ten unha resposta concreta. ''Desde pequeno deixeime levar pola música. Por todo tipo de música. Encántanme todos os xéneros, non só o jazz, pero este estilo é o que me fixo estar hoxe aquí e mañá na outra punta do mundo, por exemplo'', confesa.

''No entanto, o jazz encántame porque se crea de forma espontánea e iso axúdame a expresarme e comunicarme mellor coa xente e o público que nos escoita'', continúa.

En canto ao resultado da súa fusión, este trío aglutina unha inclasificable mestura de jazz, funk e ‘avant-noise' e, en menor medida, doutras correntes musicais. A este respecto, Billy Martin confirma que para isto foi necesario esa admiración e inclinación por outros estilos rítmicos. ''Para non aburrir e poder ofrecer cousas novas é necesario coñecer o que existe no mercado. Nin o rock éo todo, nin tampouco o jazz''.

Do mesmo xeito que outros artistas que pasaron por Pontevedra ao longo da semana, o integrante desta banda casual confirma que a improvisación nunha das claves que hai que controlar para ofrecer un bo concerto, pero non a única. ''Neste caso, nós fomos capaces de crear a nosa propia linguaxe a través do teclado, do baixo e da batería e de conseguir que distintos ritmos se convertan nun só e inigualable'', di Billy, quen destaca que os seus referentes poden estar enmarcados entre dous extremos como Buck Clayton a Bob Marley.

Espectacularidade

A liberdade ante os teclados de John Medeski, considerado un dos tres mellores teclistas do mundo, as cargas de profundidade ao baixo de Chris Wood e os ritmos bailables de Martin conxugáronse onte á noite coa virtuosa trompeta de Randy Brecker e o saxofón de Bill Evans, que aproveitaron para interpretar algúns dos seus temas máis coñecidos.

A xente, que acabou abarrotando a Praza da Ferrería, non se puido resistir a este resultado de música ''totalmente aberta'', como describe John Medeski.

A pesar de que unha gran parte das persoas que asisteron ao concerto non puideron conseguir unha cadeira, iso non importou en absoluto, pois o único que lles apetecía á maioría era moverse e aplaudir para responder os músicos coa mesma enerxía que eles estaban a botar no escenario.

Maiores e pequenos, aproveitando que comezaba o fin de semana, non quixeron perderse esta actuación, que desde que se anunciou hai semanas, era unha das máis esperadas.

Os que tampouco perderon a oportunidade de conseguir máis adeptos a este tipo de música son os Chivinjazz Street Band, que desde as 13.00 horas percorreron as principais rúas da cidade para animar a todos os viandantes que realizaban as súas compras, tomaban algo ou, simplemente, estaban dado un paseo.

Este pasarrúas tan especial tamén sairá á rúa hoxe para despedirse por este ano da súa participación no festival internacional. (De 13.00 a 14.00 e de 20.00 a 21.00 horas).

Comentarios