Tres escaladores feridos ao desprenderse unha pedra no canón do Sil

Os feitos producíronse nunha zona de difícil acceso, na contorna da presa de Santo Estevo, en Nogueira de Ramuín

Tres persoas que estaban a practicar escalada resultaron feridas de distinta consideración este venres ao ser alcanzadas polo desprendemento de pedra en Nogueira de Ramuín, en pleno canón do Sil.

Dous das tres vítimas, un mozo e unha moza, foron trasladados en ambulancia ao Hospital Piñor, de Ourense. Unha das vítimas, segundo se lle indicou ao 112, levou un forte golpe na cadeira. A terceira persoa ferida non precisou ser evacuada.

O desprendemento produciuse nunha zona de difícil acceso, na contorna da presa de Santo Estevo. Foi outro escalador o que se puxo en contacto co 112 Galicia ás 14.00 horas deste venres.

O persoal do Centro Integrado de Atención ás Urxencias puxo os feitos en coñecemento do 061-Urxencias Sanitarias, do GES do Pereiro de Aguiar, de Protección Civil e da Garda Civil.

As tres vítimas foron auxiliadas por un barco particular, que se encargou de realizar o traslado ata o embarcadoiro de Santo Estevo, onde xa esperaban os efectivos sanitarios.

Comentarios