A UE pecha as portas a Elnosa para a moratoria que pediu en Lourizán

A DG de Medio Ambiente recorda que o 11 de decembro a empresa xa non poderá usar mercurio para producir cloro ►A Xunta aínda espera o permiso da cloreira para abrir a exposición pública do expediente de autorización ambiental
Imagen de una protesta de familiares de la plantilla de Elnosa
photo_camera Imagen de una protesta de familiares de la plantilla de Elnosa

Elnosa xa sabe que en ningún caso haberá moratoria para seguir utilizando mercurio na súa produción de cloro en Lourizán. A Dirección Xeral de Medio Ambiente da UE remitiu hai uns días á Xunta a súa taxativa contestación á solicitude tramitada pola empresa. Un non rotundo e o recordatorio de que o 11 de decembro é o último día que se permitirá producir cloro a base de mercurio, tal e como reza a directiva comunitaria 732, aprobada en 2013.

Así se lle trasladou o mércores ao comité de empresa por parte da Consellería de Medio Ambiente, quen ademais lles informou aos traballadores que segue pendente de que Elnosa autorice a publicación dos datos empresariais incluídos no expediente tramitado para a renovación da autorización ambiental integrada. Sen este permiso, a documentación non poderá someterse a información pública e ao obrigatorio prazo de alegacións. Ademais, a autorización xa non incluiría en ningún caso a moratoria solicitada.

A contestación de Bruxelas senta un precedente clarísimo para botar abaixo a moratoria que si concedeu o goberno cántabro á planta que Elnosa pretendía adquirir en Torrelavega e que está na mesma tesitura que a fábrica de Lourizán.

A contundencia da UE é total. Na súa misiva, o director xeral de Medio Ambiente, Daniel Calleja, asegura que non é posible activar prórroga algunha máis aló do 11 de decembro. E sinala que tampouco sería admisible a utilización de calquera técnica de produción que non poida ser considerada unha mellora técnica dispoñible (MTD) libre de mercurio, o que exclúe expresamente as celas de mercurio que utiliza a cloreira en Lourizán.

Bruxelas precisa que isto sería contrario ao establecido na directiva de emisións industriais". E indica tamén a necesidade de pasar a unha produción de cloro-alcalí, unha tecnoloxía denominada de membrana, "totalmente respectuosa co medio ambiente". Esa transformación do proceso produtivo implicaría unha retirada "total" do mercurio actualmente existente na fábrica de Pontevedra.

Elnosa solicitou a moratoria baseándose no artigo 15(4) da Directiva sobre as Emisións Industriais (DEI). Pero a Comisión Europea aclara que esta disposición "só é aplicable á obrigación de cumprir cos niveis de emisións asociados ás melloras técnicas", e "nunca" para as propias melloras técnicas esixidas.

Este mazazo da UE sobre as pretensións de Elnosa para continuar a súa actividade en Pontevedra podería resultar definitivo. En todo caso, de abrirse unha mínima posibilidade de prórroga para seguir producindo cloro con mercurio máis aló do 11 de decembro, a firma aínda tería que enfrontarse ás alegacións que o Concello de Pontevedra xa anunciou sobre a previsible autorización ambiental integrada que tramita a Xunta.

O mércores coñeceuse que esta tramitación tamén esta demorada e non precisamente pola Consellería de Medio Ambiente, senón pola falta de consentimento dos propietarios de Elnosa para someter todo o expediente ao necesario e preceptivo trámite de exposición pública.

Nas últimas horas, a Xunta de Galicia trasladou formalmente aos portavoces sindicais do persoal a situación actual na que se atopa a tramitación.

Comentarios