Un axente estafa a un xogador mexicano prometéndolle un contrato co Pontevedra CF

Andrés Viveros Lago foi enganado, supostamente, por este falso representante, que lle cobrou 7.000 euros

Un dos focos de atención do club granate céntrase estes días na figura do futbolista natural de México Andrés Viveros Lago, protagonista dunha rocambolesca historia baseada nunha suposta estafa. O futbolista mexicano decidiu recorrer á Xustiza española e á do seu país denunciando que foi vítima dun engano.

Logo de varios anos xogando en diferentes equipos do seu país, Lago recibiría a chamada dun hipotético representante que lle ofrecería a oportunidade de dar o salto a Europa.

Ese falso axente informoulle do interese que o Pontevedra CF tería na súa contratación. Para iso, o xogador debería proporcionarlle 7.000 euros en concepto de "gastos de xestión". Andrés Lago aceptaría a oferta e presentouse na cidade do Lérez a principios de verán. No entanto, tras a súa chegada non conseguiría contactar de novo co axente, polo que finalmente optaría por levar o caso pola vía legal.

O director deportivo do Pontevedra CF, Roberto Feáns, asegurou que o club descoñecía por completo a operación dado que non mostrara interese algún no futbolista, polo que a hipótese do engano cobraría forza.

Tras porse en contacto con Lago, a entidade granate analizou a súa situación, un "caso peculiar" no que o club pretende axudar na medida do posible ao mozo centrocampista de 23 anos.

Dado que non tiña sitio no primeiro equipo, o Pontevedra ofreceulle adestrar e xogar co filial: "Valoramos o seu caso e queremos botar unha man, ten un nivel interesante", indicou Roberto Feáns.

Comentarios