Un dos sobreviventes: "Sentimos un golpe e vimos que o barco facía auga; saltamos ao mar"

Foi un dos tripulantes do Novo Marcos, con base en Portonovo (Sanxenxo), quen deu aviso do afundimento do pesqueiro nas proximidades da illa de Tambo, na Ría de Pontevedra, tras chocar cunha batea sobre as catro desta madrugada.

O mozo, de 23 anos, logrou chegar á praia de Combarro polos seus propios medios e foi atendido polo 061 con síntomas de hipotermia.

O mariñeiro relatou, segundo o responsable do servizo de Urxencias de Poio, Manuel Vicente, que os seus compañeiros e el "sentiron un golpe" e comprobaron que o barco "facía auga e afundíase" quedando coa quilla cara arriba, tras o cal "saltaron todos ao mar".

Aínda que a distancia entre o punto do naufraxio e a praia "non é moita", o mozo tardou "preto de hora e media" en chegar a terra "polo aire do norte que está a pegar e o frío".

O patrón maior da confraría de Portonovo, José Antonio Gómez, explicou que o barco, dedicado ao cerco, estivera de noite fondeado en Marín, porto no que descargaran a pesca do día, "tomando un café porque estaba a noite moi fresca".

En lugar de dirixirse cara ao seu porto base de Portonovo, Gómez sinalou que "deberon achegarse cara a Combarro" coa intención de atracar alí e refuxiarse porque a noite non estaba moi boa", momento no que embestiron contra a batea.

Despois do impacto "intentaron traer o barco cara a unha praia", unha manobra coa que segundo o patrón maior "equivocáronse".

Tras a aparición en terra do primeiro mariñeiro, sobre as 5:45 horas, activouse un operativo de procura para dar co paradoiro dos outros catro tripulantes do barco, todos eles veciños de Campelo.

Comentarios