Un matrimonio de Poio, atracado na autoestrada cando regresaba de Suíza

POIO. María del Carmen e Francisco, un matrimonio de Poio emigrado a Suiza, regresaban á súa casa do Xuviño para pasar as vacacións de verán xunto á súa familia cando, mentres circulaban no seu vehículo, foron atracados en plena autoestrada.

Os feitos producíronse durante a madrugada do pasado sábado ao domingo. A parella viaxaba no seu automóbil pola AP-7 en Xirona, pouco antes da Jonquera e, ao redor das 4.30 horas, escoitou un ruído moi brusco, similar ao rebentón dunha roda. Nese momento, o coche que circulaba detrás do seu comezou a facerlles acenos e escintileos.

«Pensamos que rebentaramos un pneumático e que estas persoas nos estaban avisando coa intención de axudarnos», explicou a muller.

Este segundo vehículo, un Honda Civic, pasounos cos catro intermitentes postos e, unha vez diante, retardou a velocidade ata deterse diante deles, obrigándoos a parar tamén.

Inmediatamente, baixáronse dous homes de trazos latinos e os feitos sucesivos desenvolvéronse en moi poucos minutos. Tal e como explicou María del Carmen, «viñeron cara nós, que ao principio non sabiamos moi ben o que sucedía, porque foi todo moi rápido e repentino. Non sabiamos se rebentaramos unha roda e víñannos a axudar ou que pasaba. Dixéronnos gritando e facendo espaventos que nos baixásemos. Eu si saín do coche, pero o meu marido quedou dentro. Entón un deles empezou a empuxarme, a gritar como un tolo e a intentar abrir a porta do noso coche. Eu tratei de impedirllo e comezou a forcexear comigo. Incluso deu un tirón á porta e deume un golpe forte con ela, provocándome contusións nun brazo e no peito. Mentres eu e o meu marido estabamos pendentes disto, o outro individuo foi polo outro lado e, nun dicir amén, abriu a porta e levou o bolso de man e unha riñoneira coa carteira dentro. Cando nos demos conta, os dous saíron fuxindo a fume de carozo e fóronse a moita velocidade».

Botín

No seu botín, os atracadores fixéronse con 800 francos e 80 euros en metálico, un teléfono móbil, unha videocámara, os cartóns bancarios de Suíza e de España, unha copia da chave do coche e toda a documentación que traía o matrimonio no seu regreso a casa, incluíndo o DNI e os seus documentos identificativos no país alpino, nóminas, cartóns sanitarios e outras de valor.

A parella de Poio chamou entón aos Mossos d'Esquadra (a Policía autonómica catalá) para interpor a correspondente denuncia.

«Logo descubrimos que o ruído que confundimos co rebentón dunha roda foi en realidade que nos arroxaron algo contra a parte traseira do coche. Os Mossos dixéronnos que seguramente intentaran rompernos a lúa traseira, pero como o noso coche ten un alerón, fixo rebotar o obxecto que nos tiraron».

Ademais das contusións, a muller sufriu unha crise nerviosa e un 'shock' por mor dos feitos «polo que tiven que pasar cinco horas no hospital», lamentou María del Carmen. «Se o meu marido baixara tamén do coche, seguramente nolo roubarían con todo dentro».

Tal e como puntualizou, os dous atracadores tiñan trazos latinos, ían ben vestidos, levaban a cara descuberta e non portaban armas, polo menos a primeira ollada, polo que inicialmente non resultaban sospeitosos.

Finalmente, o matrimonio chegou a Poio na noite do pasado luns. «Facía uns cantos meses que non viñamos e, nesta ocasión, levámonos un susto horrible».


Comentarios