Un paciente lucense salvouse porque a súa médica escribiulle á conselleira e aos dous investigados

A doutora alertou de que ou se lle administraba a medicación para a hepatite C de forma "inmediata" ou morrería. Rubial autorizou o tratamento

Un paciente lucense enfermo de hepatite C logrou salvarse grazas a que a súa médica decidiu saltarse o protocolo. Esta é unha das historias que afloran no escrito da Fiscalía no que acusa a dous altos cargos de Sanidade de prevaricación administrativa e homicidio imprudente por atrasar a subministración de fármacos para esta enfermidade.

En concreto, segundo publica diario.es, a doutora escribiu cartas á entón conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, e tamén aos dous cargos da Xunta que deberá declarar como investigados o 28 de abril: Félix Rubial e Carolina González-Criado. 

A médica informáballes de que ou se lle facilitaba "a medicación de forma inmediata" ou o paciente morrería. Rubial, que era director de Asistencia Médica da Xunta, respondeulle lamentando que non seguise o trámite protocolario, aínda que finalmente si decidiu autorizar o tratamento, que foi administrado no hospital de Monforte de Lemos e custou 48.810 euros. O paciente salvouse.

Comentarios