Un seguro pagará 270.000 euros ás vítimas dun accidente en Ponte Muíños

O suceso produciuse á altura da intersección que dá acceso ás complexo Rías do Sur e á urbanización, na estrada vella que une Pontevedra e Marín

A Audiencia Provincial de Pontevedra elevou a uns 270.000 euros as cantidades que deberá abonar unha compañía aseguradora a dúas persoas cuxo motociclo foi embestido por un turismo que realizou unha manobra antirreglamentaria nas inmediacións de Ponte Muíños en xaneiro de 2013.

O accidente produciuse á altura da intersección que dá acceso ás complexo Rías do Sur e á urbanización, na estrada vella que une Pontevedra e Marín.

O ditame considera acreditado que o condutor dun Mercedes virou á esquerda sen decatarse da presenza da moto, levándolla por diante e causando graves lesións aos seus dous ocupantes.

A Audiencia, tras analizar os recursos presentados polas partes, decidiu incrementar algunhas das indemnizacións que deberán percibir as vítimas polas lesións, as secuelas e as incapacidades (nun dos casos, permanente) sufridas a causa do sinistro.

Así, a aseguradora deberá abonar algo menos de 170.000 euros ao home que circulaba na motocicleta e algo máis de 107.000 á muller.

A sentenza xa non é recurrible.

Comentarios