Un vigués conduce ebrio e en sentido contrario durante catro quilómetros pola A-55

Fixo caso omiso aos sinais dos axentes

Axentes da Garda Civil detiveron a un veciño de Vigo de 38 anos e iniciais D.S.G., que cuadruplicaba o límite de alcol permitido e conduciu durante case catro quilómetros en sentido contrario pola A-55, facendo caso omiso dos sinais luminosos e acústicos dunha patrulla.

Tal e como informou a Garda Civil, os feitos ocorreron a pasada fin de semana, cando, na localidade do Porriño, unha patrulla de Tráfico observou como un vehículo todoterreo se incorporaba á A-55 á calzada en sentido Tui, pero en sentido oposto: dirección Vigo.

Os axentes activaron entón os sinais luminosos e sonoros do vehículo, aínda que o condutor as ignorou e seguiu a súa traxectoria ata ser interceptado case catro quilómetros despois, nos que varios vehículos tiveron que realizar manobras bruscas para evitar unha colisión.

Tras apartar o todoterreo, o condutor foi sometido a unha proba de alcoholemia, na que deu positivos de 0,99 e 1, 08 mg/l, motivo polo que foi detido por delitos contra a seguridade viaria por condución temeraria e por superar a taxa máxima de alcol. Posteriormente, o home quedou en liberdade con obrigación de comparecer no xulgado de instrución número dous do Porriño.

Comentarios