Unha pedra que se atopou en Baralla hai 20 anos é unha machada do neolítico

O propietario da peza informou do achado ao colectivo Patrimonio dos Ancares, ao que pediu axuda para descifrar uns gravados existentes no pórtico da súa antiga casa familiar
Pequeña hacha del Neolítico hallada en la zona
photo_camera Pequeña hacha del Neolítico hallada en la zona

Membros do colectivo Patrimonio dos Ancares identificaron como unha machada do período neolítico unha pedra, que José Ángel Fernández Revaldería, ‘Roldán’, natural de San Martiño de Neira de Rei, en Baralla, atopou hai 20 anos, nun monte próximo á aldea de Mazos.

A identificación da peza foi de forma casual. Este veciño solicitara a axuda de Patrimonio dos Ancares para descifrar o significado duns gravados existentes nunha das pedras que forman parte do pórtico de entrada a un anexo, hoxe en ruínas, da súa antiga casa familiar.

No arco vese unha basta inscrición que di Ano de 1725 e a continuación unha estrela de cinco puntas e debaixo unha cruz latina. Patrimonio dos Ancares sostén que algúns destes símbolos pódense asociar a misterio ou maxia, pero que ao carecer de información elemental, por exemplo, a quen pertencía a casa en 1725 ou para que era utilizada, impedíalles saber máis sobre o posible significado dos símbolos.

Patrimonio dos Ancares interesouse entón por se Roldán tiña coñecemento dunha mámoa que este colectivo intenta localizar na zona, xa que aparece nun documento do século XIX, pero ata o momento non lograron atopar ningún resto "nin ningún veciño que lembre ter visto algunha, posiblemente porque as labores agrícolas levadas a cabo durante séculos provocaron a total alteración dos posibles restos", segundo asegura Xabier Moure, de Patrimonio dos Ancares.

Roldán contestou que tampouco tiña coñecemento de ningunha mámoa na zona, pero desvelou que hai 20 anos atopara "unha pedra moi curiosa", que os membros de Patrimonio dou Ancares identificaron como unha machada do período neolítico de entre 6.000 a 7.000 anos.

Trátase dunha peza moi ben puída de forma triangular, que mide uns 8,5 centímetros de longo, cinco de ancho na parte central, dous na parte superior e catro no fío. As súas pequenas dimensións, pesa sobre uns 200 gramos, fan pensar que máis que unha ferramenta de traballo poida ser parte dun axuar funerario.

Segundo Xabier Moure, esta peza é a segunda destas características que se atopou na comarca dos Ancares. "A primeira foi atopada a mediados dos anos 60 do pasado século por Xosé Luís González nunha pedreira da aldea de Padornelo, en Cervantes", explica. Con todo, as diferenzas entre ambas son evidentes, xa que mentres que a primeira é de forma cuadrangular e de gran espesor, a identificada agora é trapezoidal e de menor tamaño.

Segundo destaca Xabier Moure, este tipo de obxectos están cargados "dun forte valor simbólico e ritual", xa que se adoitan localizar preto de mámoas "como parte das ofrendas funerarias".

Esta circunstancia leva a pensar a Patrimonio dos Ancares que na zona onde se atopou a peza, un monte a uns 700 metros de altitude, puido haber algún tipo de mámoa. O colectivo ten xa localizados unha ducia de enterramentos megalíticos, "pero ningún deles neste punto".

Comentarios