Unión Profesional de Galicia pide a mediación voluntaria para aliviar a conxestión xudicial

Unión Profesional de Galicia, que representa a 42 colexios profesionais e a máis de 60.000 profesionais dun total de 28 titulacións universitarias, aposta pola mediación voluntaria como vía para aliviar o colapso que padecen os xulgados de Galicia. “Os colexios profesionais queremos ser protagonista na resolución de conflitos e evitar que as partes, na medida do posible, cheguen aos tribunais”, asegura José María Arrojo, presidente de Unión Profesional de Galicia, quen recorda que “esta vía de carácter voluntario para as partes axudaría a desatascar os xulgados da comunidade autónoma de Galicia”.

Unión Profesional de Galicia, en representación dos entes colexiais galegos asinará
nas próximas semanas un convenio co Tribunal Superior de Xustiza de Galicia
(TSXG) que permitirá fomentar esta vía extraxudicial de resolución de conflitos e impulsar a mediación. A nova normativa asigna aos colexios profesionais, como corporacións de dereito público, un especial protagonismo na capacidade para mediar e resolver casos sen que inicialmente sexa necesaria a presenza xudicial.

“Queremos ser protagonistas no exercicio da mediación”, asegura Arrojo en representación de 42 colexios profesionais galegos que actúan na maioría de áreas de actividade profesional. Os entes colexiais, e grazas a porta que abrirá Unión Profesional de Galicia no convenio que asinará co TSXG, serán os que teñan a potestade de concretar acordos cos xulgados para exercer accións de mediación nos diferentes ámbitos de actuación.

“A mediación consegue unha solución acordada entre as partes, que asumen a necesidade de chegar a un acordo para favorecer, por exemplo, a viabilidade dunha empresa”, apunta Arrojo, quen recorda que esa vía adoita garantir a continuidade do proxecto obxecto da mediación. “E non sempre sucede así cando se recorre á vía xudicial”, engade o presidente de Unión Profesional de Galicia.

Arrojo tamén recorda que Unión Profesional de Galicia, cos seus equipos multidisciplinares de expertos, achega valor engadido na formación dos mediadores. “A capacitación profesional dos expertos en mediación é fundamental para a resolución satisfactoria de conflitos”. Por iso Unión Profesional de Galicia organiza en Santiago de Compostela, o vindeiro venres, 29 de novembro, unha xornada técnica na sede da EGAP sobre a mediación como vía para resolver conflitos. O presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), Miguel Ángel Cadeas, asistirá a clausúraa.

Programa da Xornada de Mediación.
O encontro en Santiago de Compostela, o próximo 29 de novembro, está destinado a todos os profesionais interesados no mundo da mediación. á inauguración da xornada, prevista para as 10.00 horas, acudirá o director xeral de Xustiza, Juan José Martín, e a directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos. O presidente de Unión Profesional de Galicia, Arrojo, exercerá de anfitrión.

A catedrática de Dereito Procesual e Directora do Máster de Mediación da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Raquel Castillejo, abordará A mediación como método alternativo de resolución de conflitos. A súa conferencia, que diferenciará entre a mediación, a arbitraxe e a conciliación, comezará ás 10.30 e finalizará ás 12.00 horas. A xuíza de Instrución de Madrid Rosa María Freire Pérez será a encargada de pechar a sesión matinal. O xuíz na mediación será o tema que tratará.

A sesión de tarde, a partir das 16.00 horas, comezará coa conferencia sobre a figura do mediador. Estará a cargo da letrada Rosa Sánchez González-Dans. Posteriormente comezará unha mesa redonda que abordará casos sobre a mediación por parte de expertos. Explicarán a mediación aplicada a conflitos técnicos, familiares, mercantís e sociais. Entre os conferenciantes figuran: Alberto Escobar Molinero, da área técnica do Colexio de Arquitectos de Galicia; Carmen García Pedreira, secretaria de Xulgado de Familia; María Elsa Rodríguez Viña, psicóloga e membro da Comisión de Mediación do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia; Pablo González-Carreró Fojón, do Xulgado do Mercantil da Coruña e Carlos Montes Piñeiro, psicólogo e membro da Comisión de Mediación do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia. A partir das 19.00 horas, o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Miguel Ángel Cadenas, clausurará a xornada. Acompañaranlle José María Arrojo e Antonio Macho, presidente e secretario xeral de Unión Profesional de Galicia.

Comentarios