Varela e Calvo recoñeceron a voz de José Manuel Vilaboy como 'Josman'

Tanto o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, como o presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, recoñeceron este luns en sede xudicial en Lugo e ante a instrutora da Operación Pokemon, Pilar de Lara, a voz de José Manuel Vilaboy, simpatizante do PP ferrolán e a quen se lle coñece como Josman, nas gravacións contidas neste amplo sumario.

Ambos os dous recoñeceron a este interlocutor, confirmaron hoxe a Efe fontes próximas ao caso, mentres que o segundo home ao teléfono era José María Titor, responsable de Vendex en Galicia, con quen se concertou unha cita na Coruña para a entrega duns "papeis".

José Manuel Vilaboy é un home de mediana idade, habitual na sede ferrolá do PP na rúa Rubalcava, colaborador e incluso coordinador dalgunha campaña electoral sen cargo concreto nin vocalía no Comité Executivo Local, explican fontes do PP na cidade.

Nunha conversación gravada polos axentes do Servizo de Vixilancia Aduaneira (SVA), un home chamaba a José María Tutor desde a sede ferrolá do PP e esta é a base da imputación do alcalde ferrolán na trama Pokemon pola presunta comisión dun delito de suborno.

Rei Varela, que goberna Ferrol con maioría absoluta desde o 2011 e preside a Fegamp, acudiu o luns aos xulgados de Lugo.

"Eu non era a persoa que participaba nas conversacións", asegurou Rey Varela tras prestar declaración, e criticou o "grave erro" na identificación feita polo Servizo de Vixilancia Aduaneira (SVA).

Á ''sorpresa'' pola súa imputación na trama Pokemon, que investiga corruptelas en contratas públicas, seguiulle o asombro de non recoñecerse nas gravacións que contén o sumario que obra en mans da xuíza Pilar de Lara.

O rexedor comentou aos seus achegados que saíu do xulgado "máis tranquilo" do que entrou e non descarta, no futuro, unha querela contra os axentes á fronte da investigación que o despacho de avogados que o representa confirma que non se presentou.

O seu defensa asegura que xa achegaron á causa as probas que, segundo explican, situarían ao alcalde ferrolán noutro lugar durante a cita á que aludía a conversación intervida, o 2 de xuño do 2011.

En concreto, precisan, o rexedor visitou as instalacións dunha televisión local, na rúa María, participou nun programa e ceou esa noite coa directiva do medio na cidade naval.

Outro punto que critica a defensa o primeiro edil da cidade, que leva o despacho de Ricardo Pérez Lamba, é que o Servizo de Vixilancia Aduaneira limitouse á picada telefónica pero non fixo un seguimento da cita concertada entre Tutor e un home do PP ferrolán e na que, sospeitan, houbo un intercambio de diñeiro de Vendex a 'Josman', supostamente o enlace da trama co PP ferrolán.

Tamén que non se encargou antes unha proba pericial de contraste de voz que a xuíza Pilar de Lara solicitou esta semana con posterioridade á declaración de Rei Varela e tras negar, este, que aquela fose a súa voz.

Comentarios