Verbenas, deporte e tradición xúntanse nas Festas de Cantodarea

A comisión organizadora ultima os preparativos do evento cunha variada programación
La orquesta París de Noia estará presente en las Festas de Cantodarea el próximo 29 de abril
photo_camera La orquesta París de Noia estará presente en las Festas de Cantodarea el próximo 29 de abril

A parroquia marinense de Cantodarea vivirá proximamente unhas das Festas de San Xosé Obreiro máis atractivas das últimas décadas, que se celebrarán entre os días 29 de abril e 1 de maio e contarán coa actuación das principais orquestras de Galicia, ademais dun amplo e variado programa de actividades.

A comisión organizadora do evento, cuxas verbenas xa están totalmente pechadas, realizou ao longo desta semana as tarefas de recadar os fondos necesarios para facer fronte a un elevado orzamento, xa que fai unha aposta moi potente para contar con varias das agrupacións musicais con máis tirón no que a verbenas se refire.

PROGRAMACIÓN. O programa festivo abrirase o venres 29 de abril, ás 19.30 horas, cunha gran tirada de fogos e uns pasarrúas a cargo do grupo ‘Pousos da Area’ e a comparsa ‘A Vacapinta’. Ademais, pola noite iniciaranse as verbenas destas festas coa actuación da orquestra París de Noia e a Festa Kyoto FM, protagonizada por DJ, cantantes, bailaríns e moitas outras sorpresas que a emisora de radio do mesmo nome ten preparadas para esta cita nocturna.

Ao día seguinte, ás 11.30 horas o Parque Azul acollerá unha exhibición de diferentes modalidades deportivas como skate, BMX, scooter e '‘flatland'’. A continuación, ás 12.30 horas, os bares da parroquia marinense serán invadidos pola música de taberna coas actuacións musicais de: Son das Ondas, Cantores Tradicionais, Brisas de Bouzas, Os Saljariteiros, Pousos da Area e Fentos e Frouma.

As exhibicións deportivas continuarán pola tarde no Parque Azul co certame Cantodarea Skate Contest no que decenas de mozos amantes dos deportes urbanos competirián nas categorías Sub18 e Open.

As orquestras Panorama, París de Noia e Marbella serán os pratos fortes dos festexos da parroquia marinense

Ao mesmo tempo, durante a tarde terán lugar na Praza do Regueiro diversas actividades lúdicas para os máis pequenos, como por exemplo carreiras de sacos, talleres de pintura ou a III Carreira Internacional de Triciclos.

A nota musical porana pola noite as orquestras Televisión e Tokio. O domingo, a programación festiva incluirá diferentes pasarrúas a cargo de varias agrupacións folclóricas da vila e, ás 16.30 horas, celebrarase no Parque Azul o IV Torneo de Billarda San Xosé.

Aínda que o protagonismo principal da xornada terano os actos litúrxicos. Por unha banda, ás 12.00 horas a igrexa parroquial acollerá a tradicional misa solemne en honra ao patrón das festas e, xa pola tarde, ás 19.00 horas, terá lugar polas rúas da parroquia marinense a procesión de San Xosé Obreiro.

Pola noite será a quenda de gozar bailando coas actuacións das orquestras Marbella e Costa Blanca. O broche de ouro a un programa de auténtico luxo para a parroquia e para o municipio, porao o luns 1 de maio a orquestra Panorama, que estreará un novo espectáculo. Nesta ocasión, estará acompañada pola orquestra Jerusalén, unha formación cun importante tirón entre os amantes das verbenas.

A comisión organizadora resalta que se trata dunha programación moi ambiciosa e que supón ter que reunir un importante orzamento, polo que apela á colaboración dos veciños, así como de empresas e casas comerciais, para facer viables estes tradicionais festexos.

Comentarios