Vilariño lamenta que non se distinga a Feira do Cocido como Festa de Interese Internacional

O edil lalinense de Tusimo e Obras tacha de "atropelo" aos intereses de Lalín que o Goberno non eleve a categoría do evento
Paco Vilariño. ADP
photo_camera Paco Vilariño

Non sentou ben en Lalín que o Goberno central non aceptase recoñecer á Feira do Cocido coa distinción de Festa de Interese Turístico Internacional. O edil de Turismo e Obras, Paco Vilariño, cre que a resolución da Secretaría do Estado de Turismo "é unha decisión política que condena ao Concello a reiniciar dende cero o proceso para a internacionalización".

O concelleiro do Bloque Nacionalista Galego recorda que o expediente redactado polo Concello foi definido como "perfecto" pola Axencia de Turismo da Xunta, "un organismo dende o que agora tamén tachan a decisión de Madrid de arbitraria e subxectiva", apunta. Vilariño non dubida en afirmar que a resolución do Ministerio de Turismo incorre en "evidentes incorrecións e agravios dende o punto de vista técnico".

O edil considera "moito máis sanguento" que o Goberno non valore a repercusión que a Feira do Cocido ten fóra de España, grazas ás publicacións e retransmisións de diferentes medios de comunicación de diversos países do mundo. "O Ministerio de Turismo tan só dá por válidas, e de maneira condicionada, catro accións promocionais das máis de 25 que se recollían no expediente elaborado polo Concello".

OBLIGACIÓN DE RECTIFICAR. Paco Vilariño sostén que o Ministerio de Turismo "ten a obriga de rectificar esta resolución á que nunca se debeu ter chegado". O concelleiro de Tursimo e Obras asegura que "a Feira do Cocido cumpría os requisitos para ser declarada Festa de Interese Turístico Internacional e todos entendiamos que lograr este recoñecemento era unha cuestión de unión, de facer forza en Madrid".

Por outra banda, Vilariño cualifica de "especialmente graves" as palabras do conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, "quen chegou a afirmar que algo faría mal o Concello" para que non lle fose outorgada a distinción internacional ao evento estrela de Lalín.

Comentarios