Villares bota en falta algunha "referencia social" no "gris" discurso de Feijóo

Para o portavoz de En Marea nas palabras do presidente da Xunta faltan referencias á "ansia de autogoberno e o reforzo das competencias de Galicia para conseguir maior calidade de vida" para os galegos

O portavoz de En Marea no Parlamento galego, Luís Villares, tachou o discurso de Alberto Núñez Feijóo no acto de toma de posesión de "gris" e con "nula ambición de autogoberno", á vez que botou en falta algunha "referencia social" e maior compromiso "coa xente de Galicia".

En declaracións aos medios tras o acto formal de toma de posesión, o portavoz da segunda forza política galega criticou un discurso que, na súa opinión, "non tiña que ser gris" a pesar do seu carácter "institucional".

Para o portavoz de En Marea, nas palabras do titular da Xunta faltaron referencias á "ansia de autogoberno e o reforzo das competencias de Galicia para conseguir maior calidade de vida" para os galegos.

Así mesmo, cualificou de "agónico" o discurso de Núñez Feijóo, algo que para Villares "pode significar dúas cousas": ou ben que "un retírase da vida política cara á vida empresarial" ou ben que o fai "cara á vida política noutras contornas". "Seguramente máis dun tiña en mente esa segunda opción", ironizou.

"MÁIS DO MESMO". Para rematar, preguntado por se desde En Marea esperan un Goberno galego máis dialogante e máis aberto a alcanzar a acordos durante esta lexislatura, Villares sinalou que "non hai ningún indicio para pensar isto", polo que agarda "máis do mesmo" nos próximos catro anos.

Así, indicou que desde a súa formación teñen "moi poucas expectativas" do terceiro mandato de Núñez Feijóo e que En Marea "xa dixo" durante o debate de investidura "cales" van ser as súas "liñas políticas dentro e fóra do Parlamento". "Alí terannos", resolveu.

Comentarios