Villoslada advirte contra "pactos e reparticións de cadeiras" dos seus rivais

O candidato ás primarias do PSdeG reclama que sexa a militancia quen decida o próximo secretario
Juan Manuel Díaz Villoslada
photo_camera Juan Manuel Díaz Villoslada

Juan Díaz Villoslada, un dos candidatos ás primarias do PSDEG, volveu a advertir este mércores en contra de "pactos e reparticións de cadeiras" entre os seus rivais, partidario de que sexa a militancia a que decida quen será o próximo secretario xeral.

"Xa non estamos no tempo das vellas prácticas", salientou a través dun comunicado o tamén deputado autonómico do PSDEG, para resaltar que quen actúe desa forma demostra que "non entende esta nova etapa" na que se atopa a súa organización.

É máis, o que fora xerente da Universidade da Coruña comprometeuse a que a súa candidatura chegue "ata o final" e, nesa liña, asegurou que se manterá "á marxe de tacticismos, apoios prefabricados e intereses persoais".

Deste xeito, Villoslada insistiu nunha mensaxe que veu repetindo os últimos días, ante o temor a que Gonzalo Caballero e Xoaquín Fernández Leiceaga, os aspirantes que obtiveron máis avais, selen un acordo que lles faga concorrer xuntos á votación do día 8.

Sobre todo, á vista de que algúns socialistas xa dan por feito a Europa Press que o sector oficial de Vigo unirá as súas forzas en favor do ourensán radicado na Coruña, algo que desmenten os máis próximos ao alcalde, e que podería inclinar a balanza en favor de Villoslada.

Comentarios