Vimianzo denuncia que un bar-club sortea servizos de prostitución

A local rifa "unha subida cunha moza" entre os que consuman, polo menos, unha copa ►O Concello anuncia medidas "contundentes"

O Concello de Vimianzo anunciou que interporá sendas denuncias ante a Fiscalía e as forzas de seguridade, entre outras medidas, polo sorteo que realiza un bar-club da localidade de servizos de prostitución.

O Consistorio expresa, a través dun comunicado, o seu total rexeitamento ás actividades que promocionen o proxenetismo e calquera forma de coacción encamiñada ao exercicio da prostitución, tras coñecer que un bar-club sortea "unha subida cunha moza" en determinadas ocasións entre os que consuman, polo menos, unha copa.

"O Concello considera que este feito reviste unha gran gravidade, pois é unha mostra evidente de desprezo á muller, de fomento do machismo e, incluso, pode ser presuntamente o reflexo doutros feitos delituosos relacionados co mundo da prostitución, como un negocio baseado nas coaccións e outros supostos que será necesario descartar", agrega.

Neste sentido, anuncia medidas "contundentes" por tres vías para garantir que non se vulneran os dereitos das mulleres que deciden exercer a prostitución e para evitar que sexan coaccionadas a iso.

Os locais nos que haxa sospeitas de que se exerce a prostitución, e en concreto o que promociona o sorteo, recibirán inspeccións "para verificar que se axustan á legalidade de competencia municipal".

O Servizo de Benestar do Concello asistirá ás mulleres que exerzan a prostitución neses locais.

O Concello trasladará toda a información que recompile á Fiscalía e ás forzas de seguridade para que teñan coñecemento do ocorrido.

Comentarios