"A xente apenas ten cartos para consumir, sobre todo os rapaces máis novos"

Propietarios de varios locais de ocio nocturno de Sanxenxo lamentan os poucos beneficios obtidos este verán
A maioría dos establecementos sitúanse no Porto Deportivo Juan Carlos I
photo_camera A maioría dos establecementos sitúanse no Porto Deportivo Juan Carlos I

A pesar de ser unha das máis célebres das Rías Baixas, a noite sanxenxina non consegue recuperar o seu nivel anterior á crise económica, aínda que sexa mellor ca nos peores anos de recesión. O descenso do poder adquisitivo, especialmente entre os mozos, fai que se consuman menos copas nos locais, a pesar da ostentación que a miúdo se asocia á vida nocturna de Sanxenxo, un municipio no que tomar unha copa pola noite non adoita saír precisamente barato.

En moitos dos casos, a única bebida que toma a xente é a que está incluída na entrada dos locais, que varía dependendo do día da semana e que nalgúns locais pode chegar incluso ós 12 euros nos días máis concorridos. Un empresario con varios negocios na zona defende esta decisión. "Non é unha entrada, é unha 'consumición na porta', a única maneira de cubrir gastos", xa que "temos que compensar todo o ano en oito fins de semana", afirma.

Esta mesma fonte valora este verán como "moi malo", non notando apenas melloría con respecto ós anos de crise anteriores. "O sábado é o día no que vén máis xente de arredor de 30 anos, pero entre semana a maioría son estudantes de entre 18 e 25 que andan co xusto". A xente rara vez consome unha segunda copa.


Outro caso diferente é o do pub Glasgow, que, en palabras do seu dono, está máis orientado á xente da propia vila ca ós turistas


Nunha liña similar, aínda que máis optimista con respecto ós resultados deste verán, exprésase o dono do popular pub La Cama. O empresario lamenta que a maioría da clientela concéntrase as fins de semana, mentres que os días laborais non teñen tantos beneficios, a pesar de factores positivos coma o bo tempo.

De novo, este descenso correspóndese con que neses días a maior parte do público é xente nova que non dispón de moito diñeiro para gastar, polo que os empresarios aproveitan os días de maior afluencia, entre xoves e sábado, para cobrar entrada, "normalmente nos días nos que hai a partir dun 70% de ocupación".

Dúas mozas que adoitan saír por estes locais, Sofía e Carlota, confirman que, aínda que o sábado segue destacando polo ateigamento de xente, entre semana están máis baleiros. Outros dous rapaces habituais de Sanxenxo, Andrés e Jorge, critican que certos establecementos incrementaran notablemente o prezo da súa entrada nos últimos anos, e atribúen tamén a falta de consumo ó elevado prezo das copas. "É esaxerado; hoxe entramos nun local no que antes non cobraban nada e hoxe cobráronnos 8 euros de entrada", afirma un deles, indignado.

Outro caso diferente é o do pub Glasgow, que, en palabras do seu dono, está máis orientado á xente da propia vila ca ós turistas. Mentres que locais coma os anteriores aproveitan o verán para conseguir os seus maiores beneficios, neste caso a mellor etapa é durante o resto do ano. "Durante o verán a xente prefire ir ás terrazas, e nós temos algo menos de xente", apunta. En todo caso si que destacan que hai máis actividade durante os días laborais, mentres que noutras épocas só hai xente na fin da semana. A diferenza doutros locais, non cobran entrada, pero "quen baixa, bebe", demostrando que non sempre é necesaria.

Sobre a hora de peche esixida polo Concello, que hai pouco impulsou a renovación dos sonómetros para controlar o ruído, os responsables dos locais amósanse conformes e manifestan respectar os horarios de cese da música e de desaloxo establecidos. Sen embargo, un dos empresarios critica que, mentres a maioría de locais pechan á hora establecida, hai un deles que estaría incumprindo "sistematicamente" a normativa, a pesar da presenza policial. "Non sei se esta permisividade é consentida ou se terá repercusións no futuro, pero polo de agora non as está tendo", afirma.

Comentarios