'Xenxo', aquel aprendiz de cidadán de Sanxenxo

Cúmprense dúas décadas da publicación dun cómic que, impulsado de xeito pioneiro, polo Concello de Sanxenxo, tiña como obxectivo concienciar a veciños e turistas sobre a importancia de respectar o medio ambiente
Imagen promocional del protagonista del cómic
photo_camera Imagen promocional del protagonista del cómic

O PRIMEIRO (e único) Goberno socialista que alcanzou en 1995 a maioría absoluta en Sanxenxo foi efémero. Con todo, o equipo liderado por José Luís Rodríguez Lorenzo tivo tempo para sacar adiante varios proxectos interesantes. Un deles, tan novo como efémero, foi a elaboración dun cómic con espírito educativo. ‘Xenxo, o aprendiz de cidadán’, viu a luz pouco antes do verán de 1996. Aínda que a publicación das aventuras do simpático mozo non tiveron continuidade, son moitos os veciños da vila que aínda recordan con agarimo á figura do jovenzuelo creada polo polifacético Armando Guerra. 

O artista pontevedrés, moi coñecido pola súa traxectoria como pintor e músico (é o baixista dos Black Stones), deu vida a ‘Xenxo’ baseándose nunha idea que xurdiu na mente de Victoriano Otero, histórico funcionario do Concello de Sanxenxo. Otero, o entón concelleiro de Turismo, Jaime Curral, e o propio alcalde entendían que era necesario crear unha figura que inspirase a veciños e turistas da necesidade de respectar o medio ambiente. Eran tempos nos que a vila ía facéndose aos poucos un nome como referente turístico nacional. "Foi unha etapa na que empezou a cobrar importancia a coletilla de ‘sostible’. Era sinónimo de progreso", recorda o exalcalde socialista. Por aquel entón, Silgar xa se consolidou por unha das praias de renome de Galicia. Non en balde, era a única do municipio que lucía a bandeira azul (obtívoa por primeira vez en 1987). A Fundación Europea de Medio Ambiente, a actual Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (Adeac), recomendaba que se impulsasen proxectos que axudasen a fomentar a concienciación á hora de respectar a contorna. Ese foi o fío do que tirou o Concello para sacar á rúa o novo cómic. 

A publicación protagonizada por ‘Xenxo’ tivo un impacto máis que notable. As catro páxinas das que constaba a obra de Armando Guerra mostraban a un mozo que, grazas ás explicacións do seu pai, tomaba conciencia sobre a importancia de protexer a natureza, limpar as rúas e praias e apostar polo turismo sostible. En todas as viñetas, o proxenitor alecciona ao seu fillo instándoo a que respectase aos bañistas e cumprise coas normativas que esixen manter limpas as praias, os parques e os xardíns. 

A primeira e única tirada do cómic protagonizado por ‘Xenxo’ constaba de 10.00 exemplares e tivo un gran éxito

DEZ MIL EXEMPLARES. A única tirada das historias de Xenxo serviu para repartir 10.000 exemplares. "Foi un proxecto pioneiro e a aceptación que tivo resultou realmente boa", recoñece Rodríguez Lorenzo, que recalca que o aprendiz de cidadán modelo calou especialmente entre os turistas que xa naquela época elixían Sanxenxo para gozar do seu tempo de lecer. "Moitísimos visitantes quixeron levar os cómics a modo de recordo didáctico. Quedounos a sensación de que esas 10.000 unidades non chegaron a nada", apunta o exregidor. 

A pesar de que Xenxo estreouse con bo pé, o proxecto acabou quedándose nunha mera experiencia piloto. Pouco despois, chegarían as desavinzas que provocaron a ruptura interna do PSOE e, ao cabo, converteron os últimos anos do mandato nun inferno para o Goberno local. Con todo, José Luís Rodríguez lamenta que ninguén collese a testemuña para continuar coa historia de ‘Xenxo’. "Non é que me gustou que continuase, é que realmente creo que tiña que ser así. Foi unha auténtica mágoa, porque ‘Xenxo’ quedou polo camiño cando xa gañara a súa primeira carreira cunha moi boa marca". 

Pódese considerar a ‘Xenxo’ como o precursor do exitoso monicreque co que a Policía Local alecciona desde hai catro anos a novos estudantes sobre seguridade viaria?

Co paso dos anos, a figura de ‘Xenxo’ acabou por quedar nun segundo plano, aínda que Rodríguez Lorenzo asegura que "moita xente aínda garda algún exemplar do cómic". Se extrapolamos este proxecto á actualidade, quizá o máis parecido a aquel mozo que preguntaba ao seu pai sobre pautas de comportamento adecuado sexa ‘O Poli Paco’. Así pois, a pregunta é inevitable. Pódese considerar a ‘Xenxo’ como o precursor do exitoso monicreque co que a Policía Local alecciona desde hai catro anos a novos estudantes sobre seguridade viaria? "A verdade é que non sei que dicir. Poida que ‘Paco’ poida considerarse unha versión máis moderna, pero iso non quere dicir que os valores que transmitía ‘Xenxo’ non estean de actualidade. Aquel personaxe era o membro dunha familia que trataba de aprender, fixándose en como actuaba a xente e preguntaba ao seu pai. Á vez que expuña as súas dúbidas, ensinaba aos lectores. Ese cómic naceu como algo pensado para educarnos a todos desde o punto de vista ambiental", conclúe José Luís Rodríguez.

Comentarios