Yolanda Díaz ve a En Marea "dividida pola metade"

Insta a Luís Villares a "tender a man" e a "repensar" o que está a facer a formación

A deputada de En Marea no Congreso Yolanda Díaz instou ao portavoz do partido instrumental, Luís Villares, a "repensar" o rumbo tomado pola formación rupturista. "Se eu fose Luís Villares repensaría o que estamos a facer, estamos divididos pola metade e é difícil construír así", asegurou.

"Toca repensar, parar e, colectivamente, tender a man para construír unha fórmula que nos faga ser capaces de construír Galicia", declarou Díaz nunha entrevista concedida este domingo a Cadena Ser, na que lamentou" que se estea "perdendo unha oportunidade" para construír unha alternativa de Goberno ao PP na comunidade.

Ademais, evitou pronunciarse sobre se apoiaría a Villares como candidato da forza rupturista nas próximas eleccións autonómicas. Díaz cre que "aínda é pronto", polo que "non se atreve a dicir nada" nin se atreve a dicir o que "vai pasar" de aquí a 2020.

A dirixente tamén asegurou que non lle gusta falar moito de "pelexas internas" porque "serven para pouco", e chamou ao seu partido a "falar dos problemas da xente" para "construír un camiño" que lles deron os cidadáns convertíndonos na "segunda forza política" en Galicia.

No entanto, tamén ve as divisións como "algo habitual en todos os partidos", pois "forma parte da vida política que haxa discrepancias". Díaz tamén "quere pensar que non se están antepondo os intereses persoais" por encima dos da formación.

Os ALCALDES E BEIRAS. Con respecto aos alcaldes das 'mareas' -Martiño Noriega (Santiago), Xulio Ferreiro (A Coruña) e Jorge Suárez (Ferrol)-, Díaz erixiunos como "claves para o futuro" da formación e reclámalles "maior implicación no proxecto", pois "hai que contar con eles e ir parellos" á municipalidade.

"Beiras é o gran referente deste país e tampouco se pode construír nada sen el", asegurou con respecto ao histórico líder de Anova, Xosé Manuel Beiras. "É impensable facelo sen todo o que el representa, é unha peza imprescindible", proseguiu.

Comentarios