ACB incorporarase á candidatura do BNG bueués nas eleccións

A lista integrará a membros dos dous partidos que conforman o actual Goberno local, pero Asemblea Cidadá de Bueu "seguirá sendo autónomo"
Un momento do anuncio, este sábado, no Centro Social do Mar. DP
photo_camera Un momento do anuncio, este sábado, no Centro Social do Mar. DP

Os dous partidos que actualmente conforman o grupo de Goberno bueués, o BNG e Asemblea Cidadá de Bueu (ACB), veñen de anunciar a súa unión de cara as próximas eleccións municipais, que terán lugar o día 28 de maio. Tal e como se informou este sábado nun acto celebrado no Centro Social do Mar, ambos os partidos presentarán unha candidatura única co obxectivo de "aglutinar á esquerda nacionalista do municipio".

Os encargados de comunicar o acordo foron o actual alcalde e líder do BNG, Félix Juncal, xunto ao responsable local do partido e edil Alberto Moital, ademais do vicealcalde e líder de ACB, Julio Villanueva, e a que fora concelleira Laura Ogando.

Serán algúns membros de ACB os que se incorporen á lista electoral do BNG local, pero Villanueva remarca que o seu partido "seguirá sendo autónomo", descartando así o seu retorno ao Bloque: "Non estamos voltando ao BNG, pero queremos traballar por Bueu e buscar a maioría absoluta", trasladou.

Juncal, pola súa parte, sinalou que esta nova era "esperada para moitos, entre os que me inclúo". Así, o rexedor asegura que esta unión dos partidos do actual Goberno local é froito dunha "excelente cooperación nestes últimos catro anos", que definiu como "un mandato especialmente complicado debido á pandemia".

A decisión, segundo afirmaron ambos líderes, leva xestándose "varias semanas, e dende o primeiro momento coincidimos na necesidade de facer unha lista con ese denominador común", explicou Juncal, quen continuará sendo o candidato á Alcaldía. Este engadiu que "despois de moitos anos de camiños separados é importante estreitar máis ese lazo".

Julio Villanueva, pola súa parte, apelou á necesidade de unidade entre ambos partidos para reforzar a candidatura frente a un posible triunfo do PP local, e considerou que "todos xuntos facemos un traballo mellor".

Comentarios