Acordoadas dúas céntricas rúas por unha fuga de gas nunhas obras en Cangas

O escape produciuse ao romper unha tubaxe durante unhas obras

Dúas céntricas rúas de Cangas tiveron que ser pechadas este xoves pola mañá por unha fuga de gas. O incidente ocorreu ao redor das 09.30 horas durante os traballos de humanización da Rúa Méndez Núñez e obrigou a cortar o paso a peóns e vehículos.

Os traballadores non lograron en primeira instancia reparar a avaría na zona da tubaxe na que se produciu e víronse obrigados a pechar a chave de paso xenérica, deixando sen subministración de gas durante horas a Cangas e Moaña. O servizo quedou restablecido ao redor das 13.30. 

Moitos comercios permaneceron pechados nas dúas rúas afectadas, aínda que non houbo desaloxados.

Ata a zona desprazáronse efectivos de Protección Civil que, ante a magnitude do escape, alertaron tamén a efectivos de Bombeiros e a Policía Local, No lugar atópanse tamén técnicos da empresa de subministración de gas. 

Comentarios