A AECC de Marín realizou preto de 180 sesións de atención psicolóxica

En liñas de atención social, a entidade levou a cabo 87 intervencións no municipio
undefined
photo_camera María Ramallo cos representantes da Aeec en Marín, Emilia Rey e Telmo Crespo. CEDIDA

O apoio psicolóxico foi o servizo máis demandado polos usuarios e usuarias da AECC de Marín no que vai de ano. Desde xaneiro e ata o mes de outubro, a entidade realizou no municipio marinense 179 intervencións neste ámbito. Este dato foi presentado este mércores á alcaldesa de Marín, María Ramallo, nunha reunión na que estiveron presentes a presidenta da Xunta Local da localidade da Asociación Española Contra o Cancro, Emilia Rei Parada, e o coordinador Telmo Crespo Tojeiro.

A atención psicolóxica é un importante compoñente dos coidados que a asociación ofrece ao paciente de oncoloxía e aos seus familiares, "a través do cal poden ser escoitados e comprendidos, ademais de desenvolver recursos que lles permitan facer fronte a novas e complexas situacións que xorden despois do diagnóstico", explican os representantes do colectivo.

En liñas de atención social, a Aecc de Marín realizou 87 actuacións. A entidade concede diversos tipos de axudas económicas a nivel de atención social, así como a xestión de programas de alimentos, de préstamo de material (perrucas, camas articuladas, cadeiras de rodas...), de xestión de seguridade social, de inserción laboral e de facilitación de residencias ou pisos de acollida fóra do fogar.

A Aecc ten activa 24 horas a atención telefónica

A nivel telefónico, o voluntariado tamén ofrece un servizo de acompañamento dirixido a gozar de momentos de lecer e de apoio tanto a pacientes como a familiares. Durante o que vai de ano realizáronse 20 intervencións deste servizo.

No que respecta ao número de intervencións de voluntariado en hospitais e domicilios, a Aecc de Marín contabiliza 45 actuacións. Nelas, os voluntarios e voluntarias atenden as necesidades de compañía que teñen os pacientes e ofrecen apoio social e emocional. Este servizo está habilitado no Hospital Provincial de Pontevedra, no Álvaro Cunqueiro de Vigo e no Hospital Meixoeiro.

A Aecc ten activa 24 horas a atención telefónica durante todos os días do ano a nivel nacional a través do teléfono InfoCáncer: 900100036.

'Volver falar', tamén en marcha na AECC de Marín 
A rehabilitación integral de persoas con cancro de cabeza e pescozo é o obxectivo básico do programa Volver falar, ofrecido tamén pola AECC de Marín, no que se lles ofrece axuda aos pacientes para afrontar os trastornos derivados das cirurxías e mellorar e recuperar a fala. Neste momento, realízanse 44 intervencións neste programa da asociación. 

Servizos 
Este programa engloba sesións logopédicas grupais; información e asesoramento sobre a terapia de voz para enfermos/as e familiares; atención psicolóxica para enfermos/as e familiares; recomendacións para un estilo de vida saudable, coidados e consellos de hixiene, e orientación na procura de recursos sociais. 

Os pacientes tamén poderán contar neste programa con persoas que pasaron pola enfermidade e que agora son voluntarios e voluntarias testemuñais.

Comentarios