O alcalde de Cangas, sobre o paso de peóns: "Non queriamos bater ningún récord"

O cebreado ocupa 46 metros de longo e está a ser trending topic —entre os asuntos máis comentados nas redes sociais— e motivo de numerosos comentarios e chistes

Paso peatones de Cangas. DP
photo_camera Paso de peóns de Cangas. DP

O alcalde de Cangas, Xosé Manuel Pazos, asegurou este venres que o Concello non quería bater ningunha marca ao instalar un paso de peóns nesta localidade do Morrazo de grandes dimensións, "aínda que o batemos". E é o novo paso de peóns de Cangas ten 46 metros de longo e está a ser trending topic —entre os asuntos máis comentados nas redes sociais— e motivo de numerosos comentarios e chistes.

"A xente vén de facerse fotos e iso sempre é bo xa que ao final son visitantes que veñen a Cangas", subliñou o alcalde. Pazos insistiu en que o obxectivo deste paso de peóns é unir tres zonas prioritarias da localidade como son a Praza do Concello, Praza da Deputación e a Praza da Palma e tamén que se converta nas primeira barreiras dos coches que chegan a Cangas desde Vigo".

Pazos recordou que o paso de peóns terá semáforos e que as columnas semafóricas instalaranse a finais de ano ou principios de 2019 para non facer obras durante o nadal. "Animamos a todos os visitantes que van ver as luces de nadal a Vigo que logo se pasen por Cangas para ver o noso paso de peóns e fáganse as fotos que queiran", sinalou o alcalde desta localidade.