O Amera reactiva o turismo en Marín

O cruceiro alemán recalou este sábado na rada de Marín con 770 pasaxeiros a bordo, que aproveitaron a xornada para coñecer a localidade e Pontevedra, ademais da zona do Salnés, Santiago de Compostela e Baiona
El crucero atracado en Marín. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera O cruceiro atracado en Marín. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Había sete anos que o Porto de Marín non protagonizaba a espectacular chegada dun cruceiro comercial. Foi en 2017 cando o Bremen, con 114 pasaxeiros a bordo, inaugurou as escalas destas embarcacións de luxo na rada marinense, sacando á luz o proxecto de ampliación do Peirao Comercial Oeste.

O Amera, do operador alemán Phoenix Reisen, colleu este sábado o legado e volveu poñer de relevo a necesidade de darlle forma a unha actuación que permitiría a Marín integrarse no circuíto de cruceiros do mesmo xeito que cidades da comunidade galega como son Vigo ou A Coruña.

                      Arriba, el crucero atracado en el Muelle Comercial Oeste del Puerto de Marín y varios grupos de pasajeros bajando a tierra.
Pasaxeiros do Amera baixando a terra. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Este buque, con 204 metros de eslora e un calado de 7 metros, chegou ao Porto de Marín sobre as sete da mañá, abríndose paso entre a densa néboa que se acomodaba na ría e que auguraba unha xornada marcada pola choiva e o vento.

Con todo, o mal tempo, non impediu que moitos dos pasaxeiros do Amera acudisen ás visitas turísticas que tiña programadas a navieira a Santiago de Compostela, Baiona e O Salnés.

Outro grupo dunhas 200 persoas optou por realizar un turismo máis local en Marín e Pontevedra, gozando así da súa oferta gastronómica, paisaxística e turística. Para iso, a Autoridade Portuaria puxo ao dispor dos cruceiristas un autobús que estivo a facer unha rolda de transporte de pasaxeiros de forma continuada entre o barco e a Praza de España.

Precisamente, na rada, o cruceiro foi recibido polo presidente da Autoridade Portuaria, José Benito Suárez Costa, que quixo supervisar in situ o dispositivo de seguridade, vixilancia e transporte de pasaxeiros que se despregou para a ocasión.

A chegada do Amera permitiu reactivar o turismo na vila ás portas da tempada estival, época na que Marín recibe unha maior afluencia de visitantes.

"A chegada dun cruceiro a Marín é unha boísima nova, que supón o exemplo perfecto de todo o potencial turístico que aínda temos por explorar", manifestou a alcaldesa de Marín, María Ramallo, que tamén quixo celebrar que "se desenvolvan novas formas de atracción turística e que sigamos crecendo neste ámbito, tanto con investimentos como con campañas de captación de novos visitantes".

Nese sentido, o presidente da Autoridade Portuaria tamén considerou a escala de cruceiros en Marín como un "fito importante", xa que "consideramos que hai un potencial turístico na zona moi destacable e que hai que fomentar".

Suárez Costa tamén recalcou que a Autoridade Portuaria continúa adiante co proxecto de ampliación do Novo Peirao Comercial. "Consideramos que sería unha localización idónea pola súa proximidade ao centro urbano para acoller máis escalas deste tipo. Sabemos que hai demanda e contactos", puntualizou.

O Amera desatracó ás 18.00 horas e puxo rumbo a Lisboa.

Comentarios