Atopan consciente o home de 80 anos que desaparecera en Marín

A Policía Local informou de que estaba desorientado
Operativo de búsqueda del desaparecido en Marín. RAFA FARIÑA
photo_camera Operativo de busca do desaparecido en Marín. RAFA FARIÑA

Antonio Iglesias Fernández, veciño de Marín de 80 anos que faltaba da súa casa desde a mañá do domingo, apareceu este luns en boas condicións. O home atopábase desorientado, pero consciente, segundo informou a Policía Local.

Localizárono durante unha batida realizada pola Policía, Protección Civil e varios veciños nas inmediacións do CEIP Carballal, no lugar de Viñas Blancas, pasadas as 16.00 horas da tarde deste luns. 

A Policía Nacional activara un operativo de busca para atopar a Antonio. En concreto, de acordo con fontes do corpo consultadas por Europa Press, foi o fillo quen interpuxo a denuncia de desaparición na propia tarde do domingo despois de que o home saíse a pasear ás 11.00 da mañá pola zona do cemiterio da Laxe.

Así, este luns despregouse pola área un dispositivo no que participaron Protección Civil, Policía Local e unha aeronave da unidade Cóndor da Policía Nacional, así como unha unidade de Cabalería.