Ana Pontón visita Moaña e pon en valor as súas políticas ambientais

A portavoz nacional proporá ao Parlamento galego ampliar a Rede Natura ata o 20%
undefined
photo_camera Un momento da visita de Pontón en Moaña. B.N.

A portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego, Ana Pontón, realizou este xoves unha visita institucional á localidade de Moaña. Acompañada pola alcaldesa, Leticia Santos, Pontón puxo de relevo as políticas ambientais do municipio morracense, que acaba de recibir o recoñecemento estatal por parte do Congreso de Medio e que se suma ao distintivo de Bandeira Verde que xa posúe a localidade.

Durante a visita, a rexedora mostrou á portavoz nacional algunhas das medidas que os situaron á cabeza do cambio ambiental, como o sistema de compostaxe municipal, con estacións situadas en pleno centro da localidade. "Para nós é unha honra que se nos recoñeza ese labor que levamos facendo dende os últimos seis anos de Goberno", destacou a rexedora.

Nesta liña, Pontón cualificou estas políticas locais como "exemplos de xestión a favor da veciñanza, con políticas capaces de mellorar a calidade de vida das persoas apostando polo coidado do medio ambiente".

Leticia Santos cualifica de "honra" recibir o premio estatal do Congreso de Medio polas súas políticas 'verdes'

A portavoz nacional do BNG fixo fincapé na importancia destas medidas como "pezas de desenvolvemento do futuro do país". "Políticas que teñen no seu centro coidar do medio ambiente, apostar por esa baliza verde sustentable que defendemos desde o Bloque" e que se puxo de relevo especialmente tras a pandemia, destacou.

En canto a estas medidas postas en marcha polo Concello, Pontón sinalou que "responden moi ben a vella máxima de pensa globalmente e actúa localmente, sabendo que todos e todas podemos achegar o noso grao de area para unha Galiza e para un planeta sustentables".

REDE NATURA. Pontón aproveitou a visita a Moaña para anunciar a proposta que o BNG levará proximamente ao Parlamento de Galicia na que solicitará a ampliación da Rede Natura 2000 ata un 20% do territorio. Un obxectivo que permitiría, explicou a portavoz, duplicar o espazo protexido e preservar hábitats de valor ambiental.

Doutra banda, a portavoz cualificou de "modelo depredador" do territorio o plan eólico que se expón en Galicia, e que provoca que os beneficios da enerxía "non queden aquí, senón que queden en mans dos consellos e administracións das eléctricas". Así mesmo, destacou a importancia de ampliar estes espazos protexidos de face a evitar a instalación destes parques "cun impacto moi agresivo".

Comentarios