Anduxía estuda denunciar ante a UE a ausencia dun filtro UV na Edar de Bueu

O colectivo reclamou mediante un escrito presentando no concello a instalación urxente desde sistema, que tamén demanda a Xunta
Instalación construida no 2007 para aloxar o filtro UV. DP
photo_camera Instalación construida no 2007 para aloxar o filtro UV. DP

A Asociación Ecoloxista de Bueu Anduxía vén de presentar un escrito dirixido ao alcalde buenense, Félix Juncal, no que se solicita a instalación urxente do filtro UV na Edar, que permite purificar a auga mediante un sistema ultravioleta. A entidade amosou a súa intención de denunciar a situación ante a Unión Europea.

Esta demanda, que o colectivo xa reclamou ata en dúas ocasións nos últimos anos -no 2017 e no 2021-, xorde a raíz da esixencia da Xunta de Galicia de instalar este elemento de desinfección ao facerse pública a obra de renovación da rúa Pazos Fontela que incluirá a rede de sumidoiros e os servizos de abastecemento.

"A instalación deste filtro é unha obriga do Concello de Bueu, e da empresa concesionaria do saneamento (Aqualia), e non unha contraprestación que poida ofrecerse a cambio de outras subvencións", indica Anduxia no seu escrito.

A asociación lembrou que este sistema de desinfección ou tratamento terciario "é obrigatorio para cumprir coas directrices da Unión Europea xa que a depuradora de Bueu verte a unha Zona Sensible como é a ría de Pontevedra, onde hai cultivo e extracción de moluscos bivalvos, pesca, etc...". Dende o colectivo buenense, ademais, anotaron que esta deficiencia está presente en todos os informes e controis que Augas de Galiza realiza sobre esta EDAR.

14 anos. No escrito presentado ao Concello de Bueu, Anduxía informou de que no 2007 se levou a cabo a instalación da insfraestrutura necesaria para albergar o filtro UV. "Xa pasan 14 anos e seguimos igual. Polo que, ante esta situación de inacción por parte do Concello de Bueu, e da empresa concesionaria do saneamento, se non se cumpre con esta obriga nun período de tempo razoable, non descartamos denunciar os feitos ante a propia Unión Europea", remarcou o colectivo ecoloxista, que solicitou, polo tanto, a instalación con urxencia do filtro UV da EDAR de Bueu.

Comentarios