Dous anos e medio de cárcere para un marinense por intentar matar o seu compañeiro polo mando da tele

A Fiscalía rebaixou a súa solicitude de pena ao considerar como atenuante que o acusado actuou baixo os efectos do alcol e as drogas

A Sección Segunda da Audiencia provincial de Pontevedra resolveu este xoves mediante un acordo de conformidade un xuízo por un delito de homicidio en grao de tentativa, que se saldou con dous anos e medio de prisión para un marinense por intentar matar o seu compañeiro de piso durante unha discusión polo mando da televisión. 

O acusado, A.B.P., veciño de Marín, aceptou unha condena de dous anos e medio de prisión por intentar matar a coiteladas ao seu compañeiro de piso tras recriminarlle que puxese cinta illante no mando do televisor. 

O acusado leva un ano ingresado en prisión provisional por estes feitos

Mediante este acordo de conformidade a Fiscalía rebaixou a petición inicial de penas de cinco anos logo de recoñecer o procesado a súa autoría e tras apreciar como atenuante que, no momento de cometer os feitos, o acusado atopábase baixo os efectos do alcol e as drogas, así como a súa adicción ás sustancias estupefacientes. 

Segundo recolle o escrito de acusación da Fiscalía, os feitos ocorreron o 26 de febreiro de 2019 nun piso de Marín onde convivían por razóns de traballo o acusado e a vítima. Sobre as 22.00 horas iniciouse unha discusión na que o procesado recriminou ao seu compañeiro de piso a colocación da cinta illante no mando e, "con intención de acabar coa súa vida", intentou cravarlle un coitelo na barriga, sinala a Fiscalía. 

O compañeiro de piso logrou apartarse, pero o agresor volveu tras el e dirixiulle varias coiteladas á cabeza e o abdome. Non conseguiu ferirlle pola oposición do outro implicado.  O acusado leva un ano ingresado en prisión provisional por estes feitos. 

Comentarios