jueves. 27.01.2022 |
El tiempo
jueves. 27.01.2022
El tiempo

O BNG denuncia o "veto" do PP a debatir no pleno o parque eólico do Morrazo

Imaxe de grupo posterior á rolda de prensa. BNG
Imaxe de grupo posterior á rolda de prensa. BNG
A alcaldesa, María Ramallo, insiste en manter o posicionamento sobre a mesa, á espera de recabar máis información sobre o proxecto

O proxecto eólico de ACS no Morrazo volve á mesa de debate. O BNG denuncia o "veto" do Partido Popular a debater no pleno a súa moción contra a iniciativa, mentres que o partido maioritario do Goberno local mantense á marxe á espera de reunirse o próximo xoves coa plataforma veciñal e as Comunidades de Montes.

A proposta nacionalista levouse á comisión informativa onde, tal e como explica a portavoz municipal do grupo da oposición, Lucía Santos, "o Partido Popular exercendo de maioría absoluta, vetou o traslado desta moción ao pleno municipal", unha decisión que califica de "déspota" por ir en contra da "trasparencia" e o traballo dos grupos da corporación.

Neste sentido, a alcaldesa María Ramallo, explicou onte que a moción do BNG non foi rexeitada, senón que se optou pola opción legal de "dejarla sobre la mesa a la espera de recabar más información que complemente la documentación para tomar una postura al respecto".

Fronte ás acusacións dos nacionalistas insiste en que "no hay ningún veto ni ansia de no tratarla, al contrario, nos caracterizamos porque jamás hubo ninguna moción que no se llevase al pleno", polo que se manteñen á espera de recabar os datos necesarios para crear a súa postura ao respecto.

Con isto en mente, o Goberno local convocou para o próximo xoves ás 11.00 horas unha reunión cos grupos políticos membros da Corporación municipal, así como as Comunidade de Montes afectadas do municipio -Ardán e Santomé de Piñeiro- e os representantes da Plataforma Eólicos no Morrazo Non, co fin de poder estudar en profundidade a situación. oposición.

O BNG, pola súa parte, insistiu en que a moción saíse adiante para poder tratar o posicionamento do Concello fronte a esta problemática, ao mesmo tempo que critica ao Goberno do Partido Popular por non "mostrar cara á veciñanza que é o que pensa" neste ámbito.

Denuncian tamén que esta moción se tratase en todos os municipios da comarca, salvo o de Marín, "que é onde goberna o Partido Popular". Santos insistiu onte durante unha rolda de prensa xunto co deputado parlamentario do grupo político, Paulo Ríos, en que levarán novamente á próxima comisión informativa a moción co fin de sacala adiante. Ríos insistiu tamén en que o Goberno marinense é "o único da comarca gobernado polo PP, quen curiosamente ten conexións directas coas grandes eléctricas e que están tratando de darlles para adiante a todos os proxectos de parques eólicos", ao mesmo tempo que tacha de "censura política" a decisión do Goberno local de non tratalo no pleno.

O parlamentario anunciou tamén que desde o grupo están estudando a posibilidade de levar a problemática fronte a valedoría do pobo. A Plataforma Eólicos no Morrazo Non continúa pola súa banda coas reunións informativas cos veciños afectados cunha nova sesión este sábado ás 20.00 horas no salón de plenos do Concello de Moaña.

O BNG denuncia o "veto" do PP a debatir no pleno o parque eólico do...
comentarios