O BNG pedirá no Parlamento galego que a Xunta "cumpra con Bueu"

A portavoz nacional do partido, Ana Pontón, visitou este mércores o municipio
Un momento da visita de Ana Pontón a Bueu. SCT
photo_camera Un momento da visita de Ana Pontón a Bueu. SCT

"O goberno da Xunta está totalmente paralizado e non é capaz de actuar nin nas súas competencias". Así de contundente foi este mércores a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, durante unha visita a Bueu que tivo como obxectivo reclamarlle á Administración autonómica unha mellora na estrada PO-315, da súa competencia, ao paso polo municipio na rúa Pazos Fontenla.

Pontón estivo acompañada polo alcalde e portavoz do BNG bueués, Félix Juncal, quen denunciou que a Xunta "fai oídos xordos ás nosas peticións". O rexedor explicou que "hai máis de tres anos elaborouse un proxecto para facer unha renovación integral desta estrada; os pavimentos están en ruínas e as canalizacións e saneamento de auga precisan renovarse".

A pesar de contar co apoio inicial da Consellería de Infraestruturas e Augas de Galicia, o portavoz local do BNG reclama que "hai uns meses soubemos que a Xunta negou o financiamento para esta mellora", polo que solicitou a Ana Pontón que eleve a cuestión ao Parlamento galego e "que o BNG formule as preguntas para saber por que Bueu non merece o apoio da Xunta". 

O rexedor tamén insistiu na necesidade de actuar nas vías entre Agrelo e Lapamán, en Cela (PO-551), e entre Vilar e Bon, en Beluso (PO-315), onde "hai tramos que carecen de beirarrúas, o firme presenta un mal estado e pouco espazo para os peóns", asegurou Juncal.

A portavoz nacional do BNG, pola súa parte, asegurou recoller o guante do alcalde e insistiu en que "a Xunta debe cumprir con Bueu". Pontón tamén quixo poñer en valor a aposta do Goberno local por "unha mobilidade sostible e segura que gaña espazos para as persoas".

Comentarios