O BNG sairá á rúa para solicitar melloras no centro de saúde de Marín

A formación informará á cidadanía das súas reivindicacións e repartirá un modelo de reclamación, para que cada persoa o presente posteriormente no centro de saúde ou na sede electrónica
Centro de salud de Marín. GOOGLE MAPS
photo_camera Centro de saúde de Marín. GOOGLE MAPS

O BNG sairá á rúa este xoves e venres para reunir apoios á súa campaña en defensa da sanidade pública e para solicitar melloras na atención no centro de saúde de Marín. 

Segundo comunicou a formación, no marco desta mobilización informará á cidadanía das súas reivindicacións e repartirá un modelo de reclamación, para que cada persoa o presente posteriormente no centro de saúde ou na sede electrónica. 

En concreto, as súas demandas pasan pola substitución de persoal sanitario e administrativo cando este teña que ausentarse do seu posto de traballo, pola mellora e incremento dos medios materiais, e pola volta á atención presencial. 

"Unha sanidade pública de calidade e forte é o mellor instrumento para enfrontarnos á situación sanitaria de pandemia que estamos a padecer e a garantía de que ninguén vai quedar atrás no diagnóstico e tratamento do resto de doenzas", incidiu o BNG. 

Neste sentido, os nacionalistas criticaron que o PP "lamentablemente non está por mellorar e incrementar os orzamentos sanitarios".

Comentarios