Pesar en Bueu pola morte de Víctor Domínguez, socio fundador de Os Galos

O buenense salientou na vila pola súa defensa do patrimonio do mar
Víctor Dominguez nunha embarcación. CEDIDA
photo_camera Víctor Dominguez nunha embarcación. CEDIDA

A vila buenense chora a perda dun dos seus máis destacados persoeiros. Víctor Domínguez falecía este martes, deixando a Bueu "un pouco máis orfo", tal e como quixo destacar o rexedor, Félix Juncal, nun comunicado a través das redes, ao que se sumaron decenas de veciños mostrando as súas condolencias.

Recordado por moitos pola xenerosidade que o caracterizaba, Víctor foi unha peza esencial da labor do municipio por preservar e fomentar a cultura e patrimonio mariñeiro da vila.

Víctor Domínguez. CONCELLO DE BUEU

Socio fundador da Asociación de Embarcacións Tradicionais Os Galos de Bueu, loitou coma presidente ata os seus últimos días como impulsor de importantes iniciativas relacionadas coa cultura do mar. Entre elas a restauración do Estaleiro da Banda do Río, un proxecto que culminará neste 2022 e que foi froito do "traballo colaborativo" co Concello e a "puxanza" de Domínguez por sacalo adiante.

"En certa forma, cambiounos a vida, pois el representaba parte da nosa cultura e historia recentes e loitou por reivindicar sempre as tradicións mariñeiras e máis nosas", destacou o alcalde.

"Sempre co mar como bandeira", estivo vinculado á asociación de Os Galos ata o final, impulsando grandes eventos destacados de Bueu, como os encontros de embarcacións tradicionais, a colaboración da cabalgata de Reis ou a recente doazón de dous barcos históricos que agora locen na vila.

Víctor Domínguez. CONCELLO DE BUEU (2)

O colectivo naceu precisamente con ese obxectivo, demandar un posto principal á cultura máis arraigada á localidade: a do mar. "Dende a asociación foi unha noticia terrible", destaca a súa vicepresidenta, Lidia Nieves, "foi unha persoa moi importante que sempre estivo aí".

A súa perda suporá un enorme baleiro nos Galos, do que era o actual presidente, e que agora deberá reorganizar a súa directiva. "Falar dos Galos é ter sempre a Víctor de referencia".