Bueu honra a memoria de Johan Carballeira 86 anos despois

A localidade conmemorou este domingo o aniversario do falecemento do poeta a mans do franquismo
a coroa de laurel foi colocada co acompañamento musical do violín de Lía Vilas. SCT
photo_camera A coroa de laurel foi colocada co acompañamento musical do violín de Lía Vilas. SCT

A localidade bueuesa recordou onte a figura do xornalista, poeta e alcalde Johan Carballeira, un dos republicanos fusilados durante a Guerra civil española. Como cada ano, o monolito ubicado na praia da Banda do Río do municipio na súa honra foi o espazo escollido para celebrar un emotivo acto que pretendía conmemorar o 86º aniversario do seu asasinato -consumado na madrugada do 17 de abril-, pero que tamén quixo poñer en valor "a parte máis reivindicativa de Carballeira, cuxo único delito foi defender aos seus veciños", tal e como manifestou o presidente da Asociación Amigos de Johan Carballeira, Manuel Antón Mosteiro.

O acto, no que estiveron presentes case medio centenar de persoas, arrancou cunha actuación da violinista da parroquia marinense de Seixo Lía Vilas que provocou un silencio sepulcral entre os asistentes. A esta seguiulle o poeta Xosé María Álvarez, coñecido como Pepe Cárccamo, que recitou uns versos propios cos que pretende recuperar a memoria colectiva. Así, a música e a poesía supuxeron as dúas pedras angulares nas que se apoiou a homenaxe.

Ante o monolito a Johan Carballeira no municipio bueués tamén estivo presente a Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica de Marín. Aínda que estaba prevista a asistencia e intervención da presidenta do colectivo, Queta Molas, definida por Mosteiro como  a "portadora da memoria histórica na comarca", esta finalmente non puido acudir á cita e foi sustituida polo tamén membro  da entidade Xulio Pardellas. 

Este, coa lectura do discurso de Molas, recordou os nomes de todas aquelas persoas do municipio que perderon a súa vida por ser fieis á República, ademais de narrar os sucesos que supuxeron o arranque da Guerra civil na comarca de O Morrazo. "Manuel Graña, Avelino Chapela e Manuel Chapela tamén morreron con Carballeira na madrugada do 17 de abril, pero antes foron moitos os veciños de Bueu asasinados a mans dos golpistas", manifestou Pardellas.

O momento máis especial do acto chegou coa tradicional ofrenda dunha coroa de laurel ao monumento, realizada a cargo de familiares de dous bueueses que tamén foron fusilados durante o franquismo. Co acompañamento dunha nova interpretación da violinista marinense de fondo, a maior parte dos asistentes completaron a homenaxe e fixeron unha ofrenda floral de claveles de cor vermella ao monolito.

O acto rematou co himno galego e unha petición de Mosteiro: "Que Johan Carballeira e o resto das vítimas, así como a dór das súas familias, sexan recordadas os 365 días do ano".

Comentarios