Bueu poñerá un autobús para asistir á concentración en defensa da sanidade

A Plataforma de Seixo tamén participará na manifestación do 14 de novembro en Santiago
Varias persoas nunha concentracion polo Centro de Saúde de Seixo. ADP
photo_camera Varias persoas nunha concentracion polo Centro de Saúde de Seixo. ADP

O Concello de Bueu fixo público o seu apoio á concentración en defensa da sanidade pública convocada pola Plataforma SOS Sanidade Pública o próximo 14 de novembro en Compostela e, por iso, poñerá un autobús gratuíto para que a cidadanía bueuesa que o desexe poida asistir.

Os grupos municipais do BNG, ACB e PSOE defenden as reivindicacións do colectivo, que se centran en varios eixos fundamentais a favor da sanidade pública e a atención primaria de calidade. O primeiro ten que ver coa recuperación da accesibilidade aos centros asistenciais, pois "a atención presencial é a única maneira de garantir a igualdade de oportunidades á cidadanía, nun contorno seguro que manteña as medidas hixiénicas e sanitaria; e ademais, é preciso reabrir todos os consultorios existentes que foron pechados pola pandemia da covid-19". O segundo é a mellora da accesibilidade acabando "coas listas de agarda, co desdobramento das consultas e o incremento de persoal para a súa atención, e limitando as consultas telefónicas ou telemáticas que discriminan ás persoas maiores ou con dificultades de acceso no manexo das novas tecnoloxías".

Tamén urxe incrementar "o orzamento sanitario destinado á Atención Primaria ata acadar o 25% do orzamento galego en cinco anos; así como rematar coa precariedade laboral do persoal, a través da implementación dun Plan de Mellora da Atención Primaria que redimensione os equipos multidisciplinares para dar cobertura ás necesidades de saúde da poboación".

Dado que se trata dun tema de grande impacto, o Concello de Bueu contratará un autobús para o traslado da cidadanía bueuesa á concentración, convocada para o 14 de novembro ás 12:00 horas na Alameda de Santiago de Compostela. Para iso, é preciso inscrición previa no 2º andar da Casa Consistorial ou a través do teléfono móbil 673256450. O autobús sairá ás 9:45 h. da parada da Avda. Montero Ríos, xunto ao porto bueués.

A Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde de Seixo tamén anunciou a súa participación na manifestación. Así, tamén porá a disposición dos veciños un autobús que terá un custe de 5 euros e o último día para anotarse será o martes 9 de novembro, incluído. Para facelo será a través 699 484 676, no correo electrónico [email protected] ou na páxina de Facebook.

Comentarios