Bueu presenta a Campaña de Educación Non Sexista

O acto da decimoterceira edición tivo lugar no IES Johan Carballeira
Carlos López (d). DP
photo_camera Carlos López (d). DP

O IES Johan Carballeira do Concello de Bueu acolleu este martes a mediodía a presentación da XIII Campaña de Educación Non Sexista, na que estiveron presentes Montserrat González, directora do Centro de Información as Mulleres (CIM), Asun Soñora, directora do centro, e Noelia Torres, vicedirectora.

A presentación consistiu na entrega dos almanaques de peto confeccionados coa imaxe gañadora do certame de viñeta e ilustración A igualdade no traballo convocado con motivo do 8 de marzo, no que Carlos López Menduíña resultou gañador, cun deseño no que reflexiona sobre a evolución de ambos sexos cara á desigualdade. No acto, o alumno, que cursa 2º de ESO no centro escolar buenense, explicou que "esta viñeta reflicte a inxusta realidade na que os homes evolucionan e as mulleres parecen sempre quedar relegadas ás tarefas do fogar".

No debuxo pódese observar dúas liñas paralelas de evolución, dun home e dunha muller ao longo do tempo. O que máis chama a atención é que o xénero femenino continuou co paso do tempo encargándose das tarefas do fogar e o coidado da familia, mentres que o masculino evoluciona sen preocupacións dese tipo.

Entre os obxectivos da campaña están a eliminación dos roles e estereotipos sexuais, favorecer as relación de equidade entre o alumnado e rexeitar a desigualdade, así como sensibilizar dun xeito activo a fin de erradicar a violencia de xénero e as relacións de poder asimétricas. Durante o acto, Montserrat González, lembroulle ao alumnado do Johan Carballeira que "o cambio está en vós, xa que temos que cambiar a sociedade", ao tempo que reivindicou que "se non hai igualdade, non hai xustiza".

Precisamente unha das liñas de traballo máis importantes do CIM de Bueu é o impulso da coeducación, da educación en valores e libre de desigualdades para lograr un mundo máis xusto.

Comentarios