Bueu revive o seu Mercado Ecolóxico e Artesanal para impulsar aos produtores

O evento darase cita o próximo domingo nas Lagoas cunha ampla oferta de ocio e gastronomía pensada para todos os públicos
Un momento da presentación, este martes. BNB
photo_camera Un momento da presentación, este martes. BNB

Impulsar a recuperación dos pequenos produtores e fomentar o consumo responsable e a alimentación sostible son os principais obxectivos da nova edición do Mercado Ecolóxico e Artesanal de Bueu, o primeiro da vila tras a crise sanitaria. O evento terá lugar este domingo, día 28, na carpa dos Xardíns de Urbano Lugrís-As Lagoas, e reunirá a máis dunha vintena de postos gastronómicos, ecolóxicos e artesáns, así coma charlas e actividades.

A iniciativa, que deu comezo fai xa dez anos, regresa así tras un pequeno parón para ser novamente "unha plataforma para todos os produtores e artesanos, un espazo de divulgación dos seus produtos e unha demostración do compromiso e a necesidade de traballar na concienciación da sociedade", explicou este martes o alcalde da localidade, Félix Juncal, durante a presentación.

Precisamente servir de impulso para un dos sectores máis afectados pola crise sanitaria é unha das súas principais finalidades. Tal e como explicou a técnica de desenvolvemento local, Sonia Cabodevila, o parón neste tipo de eventos supuxo un importante efecto negativo nas ganancias de pequenos produtores que xeraban a maior parte dos seus ingresos en feiras e mercados coma este.

A edil de Promoción Económica, Silvia Carballo, destacou pola súa banda a importancia deste evento, "que demostra o compromiso polos produtos locais e a concienciación medioambiental na sociedade". Por este mesmo motivo, todos os postos que participan no evento deben cumprir unha serie de requisitos e, aqueles que teñen a etiqueta ecolóxica, cobran preferencia sobre outros.

O obxectivo é fomentar o produto local, de quilómetro cero e de tempada, ofrecendo unha ampla variedade de artigos, pero tamén unha oferta gastronómica e de ocio, con actividades paralelas pensadas para todos os públicos.

O encontro pretende servir tamén coma un punto de reunión para os diferentes produtores no que poder intercambiar experiencias e un impulso para o tecido comercial e hostaleiro da localidade no seu conxunto, que se beneficien da visita de persoas interesadas de toda a comunidade.

Unha programación para todos
A programación dará comezo ás 12.30 horas cunha charla sobre o cultivo de froitos secos en Galicia, a cargo de Pedro Álvarez, e un obradoiro infantil de reciclaxe. Ás 13.00 horas haberá unha demostración de coctelería e sesión vermú con produtos ecolóxicos, acompañada da actuación musical da charanga BCB.

Xa pola tarde, ás 17.30 horas, haberá un obradoiro de decoración de pezas de olería para a rapazada.

Comentarios