Bueu degusta o seu producto estrela

A Festa do Polbo arrancou coa lectura do pregón a cargo de Fran Cañotas, presentador da TVG, e con centos de comensais
Preparación do polbo en Bueu. ANXO LORENZO
photo_camera Preparación do polbo en Bueu. ANXO LORENZO

O primeiro acto, dun menú de tres, da Festa do Polbo foi un verdadeiro éxito. Despois de dous anos sen poder celebrarse en todo o seu esplendor pola pandemia, a localidade bueuesa viviu ao grande a xornada inaugural da súa festa máis coñecida e representativa. Centos de persoas achegáronse onte ata a carpa instalada dos Xardíns de Urbano Lugrís para volver a saborear o polbo, produto estrela da vila, en máis de vinte especialidades distintas preparadas por tres coñecidos establecementos do concello.

A xornada comezou ás once da mañá coa descuberta do polbo artístico na fachada da Praza de Abastos feito polo curso de talle de Bon, un cefalópodo de sete patas que, alonxándose das oito da realidade, tenta representar as sete parroquias orixinais do Concello de Bueu. A Banda de Gaitas Retrouso foi a encargada de poñer o toque musical á mañá e dar paso á lectura do pregón, a cargo de Fran Cañotas, periodista e presentador da TVG.

O televisivo, que xa o ano pasado foi o encargado de guiar a Gala do Deporte no Concello de Bueu, mostrouse moi emocionado de regresar á vila e sobre todo de ser o encargado de ler o pregón dunha festa tan recoñecida como a do polbo. Como era de esperar, non faltou o humor e a retranca.

Fran Cañotas, durante o pregón na Festa do Polbo de Bueu. ANXO LORENZO
Fran Cañotas, durante o pregón na Festa do Polbo de Bueu. ANXO LORENZO

DEGUSTACIÓN. O arrecendo das diferentes especialidades que se estaban a preparar nos Xardíns Urbano Lugrís, co polbo como protagonista, inundou todo o espazo, facéndo a boca auga a todos os asistentes que agardaban con ansia poder sentarse a saborear dun bo plato de polbo, do que se estiman que se servirán ata o luns máis de 3.000 quilos. De feito, a Corporación municipal e a organización sentáronse xuntos á mesa para inaugurar co paladar esta festa.

Empanada de polbo, croquetas de polbo á feira, arroz de polbo, polbo con queixo, en pizza, polbo á galega ou polbo á feira foron algunhas das especialidades que se degustaron onte e que hoxe se poderán volver pedir xunto con outras moitas máis. As variedades teñen un custe de oito e doce euros, segundo a ración.

Xusto ao lado da carpa, onte, os asistentes puideron contemplar a exposción dunha alfombra floral feita pola asociación Cunhas e Flores de Bueu. O deseño representaba diferentes polbos de cores.

Con respecto ás actividades da segunda xornada, o Club Corredoiras coordinará unha serie de xogos populares ás 11.30 horas. Ás 12 horas, tamén de hoxe, haberá un pasarrúas e un espectáculo cun Polbo Xigante, concretamente de 15 metros de longo e elaborado con globos biodegradables, que se poderá admirar polas rúas da vila. A apertura dos postos de venda volverá a ser no mesmo horario, de 12.30 a 16.30 horas e de 19.30 a 00.00 horas.

Comentarios