Canjazz: 40 anos de tradición

▶ O festival de Jazz máis antigo de Galicia incluíu no seu cartel a artistas da talla do pianista Tete Montoliu ou do ex membro da banda de Paco de Lucía Jorge Pardo
Músicos que pasaron polos escenarios do Canjazz ao longo da súa historia. ADP
photo_camera Músicos que pasaron polos escenarios do Canjazz ao longo da súa historia. CEDIDA

O festival Canjazz celebra o seu 40 aniversario. A súa historia remóntase ao ano 1979, cun escenario enmarcado en espazos como a Alameda ou os antigos cines Avenida e Calvar de Cangas do Morrazo.

O evento, que naceu baixo o título primixenio de Festival de Jazz-Rock do Morrazo, acolleu nas edicións iniciais a grupos como o Max Sunyer Trío, o vigués Outeiro e o Lérez Quintet. Tres bandas pertencentes á vangarda jazzística española do momento. 

O recoñecido pianista barcelonés Tete Montoliu foi o protagonista da edición celebrada en 1987, tras seis anos de inactividade por parte do festival. E nesa mesma data actuou o frautista e saxofonista Jorge Pardo (antigo membro da banda de Paco de Lucía) da man da banda Dolores, da que saíron a práctica totalidade dos que logo formarían parte da formación do autor de Entre dos aguas.

WP_20190120_09_54_27_Pro

O éxito do festival do Morrazo, se ben agora é indiscutible, atravesou serios obstáculos no pasado, vencellados á falta de orzamento e de axuda por parte das institucións, tal como declarou un dos promotores do evento, Tomás Fandiño, o Moro: "En 1982 quixemos traer a Paco de Lucía, pero xa non puidemos porque non había axudas".

A ausencia de subvencións provocou unha suspensión temporal do festival, aínda que seguía a haber unha programación anual que incluía a moitos músicos que tocaban nos dous locais de jazz da zona do Morrazo: o Jazz Vivo, de Ramón Rodríguez (Chito), e o pub Irakere, do propio Tomás. O músico e actual organizador do Canjazz, Luis Carballo, asegurou que aqueles dous locais de jazz representaban o que agora o Náutico de San Vicente simboliza para a música indie. 

WP_20190201_07_40_37_Pro

Segundo o fundador do Festival de Jazz do Morrazo e propietario do Irakere, alí levaban a músicos madrileños e barceloneses que se repartían entre os dous espazos para tocar durante 15 días seguidos. "Naquela época había moita fame de música en directo e os artistas non pedían moito. Primaba desfogarse coa música e non tanto os cartos como acontece agora".

Comentarios