O CEIP da Laxe implanta a 'Escola de familias' polo posible confinamento

O centro comezou este proxecto para ensinar a pais e nais a usar as plataformas dixitais que se empregan nas clases
Primeira xornada da formación. DP
photo_camera Primeira xornada da formación. DP

O CEIP da Laxe puxo en marcha esta semana a Escola de familias, un proxecto para dar a coñecer as diferentes plataformas educativas ás familias como Cisco Webex, AbalarMobil, E-dixgal ou a Aula Virtual. Esta iniciativa está enfocada tanto para o ensino presencial como para un posible non presencial que, hoxe en día, é unha necesidade real. O centro irá formando a todas as familias, aula por aula, dando resposta a este novo reto. O profesorado será o encargado desta formación.

"Cando comezou o curso e despois do confinamento do anterior vimos que había unha necesidade clara de formación tanto para o alumnado como para ás familias", explica a directora do CEIP A Laxe, Cristina Sanmartín.

"O feito de chegar ao alumnado é moito máis doado, pero ás familias non podiamos chegar. Por iso decidimos pór en marcha unha Escola de familias, porque ademais hai que usar as plataformas corporativas da Xunta e non todo o mundo sabe como facelo".

En 5º e 6º de Primaria, cada alumno conta cun portátil, que facilita a Consellería de Educación, no que o centro carga as actividades. O proceso de ensino e aprendizaxe lévase a través de E-dixgal. "Non teñen libro de papel. É unha plataforma na que se elixen os contidos nos que traballar. Nós complementámolo con libreta porque é necesario, pero de cara a un confinamento este sistema permítenos chegar a eles". 

No resto de cursos, o alumnado usa a Aula Virtual, no que se colgarán as actividades de cara a un suposto confinamento. A Aula Virtual tamén é descoñecida para o profesorado, polo que ao final do curso pasado se tiveron que formar, ao igual que este ano.

Trala formación, "nós deciamos: nós sabemos o que fan e chegamos ao nenos, pero as familias, como poden supervisar o que fan e axudarlles? De aí xurdiu a idea de crear tamén a Escola de familias".

O pasado martes, o CEIP A Laxe tivo a primeira xornada de formación á que asistiron pais dun dos cursos de 5º de Primaria. "Explicámoslles como funciona Cisco Webex, como facer videochamadas, como ter unha titoría con eles, como compartir pantalla e que eles o vexan e poidan falar, etc.", explica Sanmartín, que este próximo martes terá de novo outra formación para as familias de 2º e 4º de Primaria. "As familias están moi agradecidas e pouco a pouco chegamos a todas", remata.

Comentarios