Chega á Escola Naval de Marín o Tramontana, "a arma submarina da Armada"

A nave, que fará escala na ría de Pontevedra este mércores, poderá visitarse nunha xornada de portas abertas que terá lugar o venres

O submarino Tramontana fará escala na Escola Naval Militar de Marín este mércores, tras finalizar os exercicios navais MAR-31 en augas do norte peninsular.

Segundo informou o Ministerio de Defensa nun comunicado, o Tramontana, definido como "a arma submarina da Armada" pola propia forza naval, estará na Ría de Pontevedra ata o sábado. Ademais, o vindeiro venres día 24, en horario de 15,00 a 19,30 horas, terá lugar unha xornada de portas abertas na que se poderá visitar o submarino.

Durante a súa estancia en Marín, o submarino aproveitará para participar na formación dos futuros oficiais da Armada con diversas actividades en porto e na mar, co obxectivo de que os alumnos desta escola "poidan coñecer de primeira man como son estas plataformas e poidan elixir esta posibilidade de servizo dentro das Forzas Armadas", destacou Defensa.

Imaxe do submarino Tramontana. ARMADA
Imaxe do submarino Tramontana. ARMADA ESPAÑOLA
 

O submarino Tramontana representa o cuarto barco da clase Galerna, unha serie de catro submarinos (Galerna, Siroco, Mistral, Tramontana) construídos en Cartaxena pola empresa nacional Bazán, agora Navantia, recorda Defensa, a mediados dos anos oitenta. Na actualidade, "tres destas catro unidades continúan en servizo e representan a capacidade submarina de España", subliña o Ministerio.

PRIMEIRA INMERSIÓN. O Tramontana fixo a súa primeira inmersión o 30 de novembro de 1984. "A pesar de ser unha plataforma veterana, as diferentes modernizacións que se efectuaron a bordo, en especial en soares, comunicacións satélite e periscopios, fan deste submarino unha plataforma eficaz que realiza con garantías as actuais misións que teñen lugar nos novos escenarios en augas litorais", asegura Defensa.

Os submarinos da clase Galerna participaron en "numerosas" manobras internacionais e misións, engaden as mesmas fontes. Entre as súas misións "máis destacadas", indica Defensa, atópanse a liberdade de acción das forzas de superficie (ameazas de superficie e submarinas); misións de recolección de intelixencia; misións de recoñecemento e información en zonas avanzadas para apoio a unha forza naval e misións de infiltración na costa de unidades de operacións especiais.

Comentarios