O CIP de Mogor abre as súas portas por Semana Santa

O centro ofrecerá visitas guiadas gratuítas entre o 1 e o 9 de abril
                      El Centro de Interpretación de Petroglifos (CIP) de Mogor.
photo_camera El CIP de Mogor. DP

Dar a coñecer o patrimonio arqueolóxico marinense sitúase como un dos maiores atractivos turísticos da localidade. é por isto que, como cada ano, o Centro de Interpretación de Petróglifos (CIP) de Mogor aproveitará as vacacións de Semana Santa para volver abrir as súas portas tras o peche a mediados de setembro ao finalizar a época estival. Farao a partir deste sábado e ata o día 9 de abril.

O horario de apertura será de 11.30 a 13.30 horas e, pola tarde, de 17.00 a 20.00 horas. O centro, de entrada totalmente gratuíta e xestionado pola empresa Anta de Moura, ofrecerá dúas visitas guiadas diarias, unha ás 12.30 e outra ás 19.00 horas.

O encargado de Anta de Moura, Juan Castro, indica que as expectativas para este período vacacional "son moi boas, sobre todo tendo en conta as preferencias turísticas dos últimos tempos", en referencia a unha tendencia que se inclina cada vez máis por un turismo sostible. Así mesmo, Castro asegura que, a pesar de que os primeiros días adoita haber visitas, "o maior número de xente achégase na segunda metade da semana, coincidindo cos días festivos".

A deste ano, así mesmo, será a primeira Semana Santa desde o inicio da pandemia libre de restricións sanitarias, xa que durante o mesmo período en 2022 aínda era obrigatorio o uso de máscara. Este aspecto, tal e como sinalou o encargado de Anta de Moura, "pode favorecer que a xente se desprace con máis tranquilidade", ademais de que "parece que hai ganas de resarcirse tras o vivido durante a pandemia".

O perfil habitual dos visitantes do CIP Mogor neste período é de parellas ou grupos familiares formados por persoas "da zona, doutros puntos de Galicia e incluso de España, con predominancia daqueles que veñen de Madrid, igual que no verán", apunta Castro. Na Semana Santa de 2022, a afluencia foi de preto de 200 persoas, unha cifra á que, segundo indicaron desde Anta de Moura, habería que incrementar un 30% ou 40% máis polos que visitan os petróglifos sen pasar polo centro.

Comentarios