O Concello de Bueu ofrece a aplicación 'Zoom' ás asociacións da vila

Esta iniciativa pretende facilitar o uso das tecnoloxías entre a cidadanía e contribuír á súa formación
Xosé Leal probando a aplicación. DP
photo_camera Xosé Leal probando a aplicación. DP

O Concello de Bueu pon en marcha unha aplicación web para que as asociacións e colectivos culturais, deportivos e sociais da vila poidan manter reunións ou organizar eventos telemáticos. Segundo salienta Xosé Leal, concelleiro de innovación tecnolóxica, "esta iniciativa serve para dar servizo ás entidades que habitualmente utilizaban os espazos físicos municipais antes das restricións establecidas por mor da Covid-19". 

As asociacións que desexen facer uso da ferramenta Zoom deberán enviar un correo electrónico a [email protected] co fin de coordinar e reservar unha data para a conferencia ou reunión na que, en todo caso, contarán con asesoramento municipal.

A versión ampliada desta aplicación de videoconferencias permite, entre outras funcionalidades, a conexión de ata cen participantes na mesma conversación , e a emisión en directo e sen límite de tempo. Así mesmo, o vídeo e a voz recóllense en alta definición e tamén se activan outras funcións de colaboración web, coma o uso compartido de escritorio e aplicacións, ou a mensaxería privada e grupal.

Esta iniciativa forma parte do plan municipal para facilitar o uso das tecnoloxías entre a cidadanía e contribuír á súa formación nestes tempos nos que é tan necesaria. Así, no caso de que as demandas medren, o Concello tratará de incrementar as funcionalidades da aplicación.

Ao mesmo tempo, cómpre salientar que xa dende o inicio da crise sanitaria, o Concello celebrou diversas sesións plenarias de xeito telemático, así como reunións con outros colectivos e/ ou administracións.

Tamén durante a pandemia, o Concello de Bueu quixo explotar o seu lado tecnolóxico e aproveitou a situación de confinamento para comezar a achegarse aos veciños de Bueu a través da súa canle de Youtube, no que foron colgando diferentes contidos.

O martes, pleno extraordinario
A corporación do Concello de Bueu celebrará o martes, ás 20.00 horas, un pleno extraordinario telemático no que se aprobará o Plan de Mobilidade Sustentable (PMUS). A sesión emitirase a través da canle de YouTube do Concello, á que se poderá acceder a través da súa páxina web e Facebook.

Comentarios